A intervención na rúa Conde Vallellano completará a humanización do centro urbano

O Concello encargou o deseño ao autor das actuacións levadas a cabo na Praza de Galicia e en Arcebispo Lago co obxectivo de ofrecer unha imaxe unificada
Conde Vallellano Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A rúa Conde Vallellano pechará a humanización do centro urbano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A humanización e mellora da accesibilidade no centro urbano de Vilagarcía completarase cunha intervención na rúa Conde Vallellano e seguindo unha estética semellante á que teñen actualmente a Praza de Galicia e a rúa Arcebispo Lago. Co obxectivo de ofrecer unha imaxe unificada e de continuidade no eixo que conforman estas zonas, a Xunta de Goberno local encargou o deseño da actuación a Mariano Vázquez, o mesmo arquitecto que proxectou as humanizacións anteriores.

Evocar a imaxe orixinal que tiña a zona outrora, cando as marismas se penetraban no que hoxe é o centro de Vilagarcía, foi o principal motivo de inspiración das actuacións da Praza de Galicia e de Arcebispo Lago, coa presenza de auga e de vexetación típica dos esteiros. Esta mesa idea manteríase en Conde Vallellano, onde se actuaría nos 1.395 metros cadrados de superficie existentes entre a Praza de Galicia e o cruce coa avenida da Mariña.

O contrato para a redacción do proxecto básico e de execución da actuación adxudicouse por 14.000 euros con cargo á subvención obtida polo Concello a través da Rede Ágora da Deputación, correspondente á liña de redacción de proxectos para a recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís e/ou ciclables. Con esta subvención tamén se contratou a redacción do proxecto de humanización e mellora da accesibilidade do tramo da avenida da Mariña que pasa fronte a Praza da Peixería, neste caso á arquitecta Lucía Araújo. Aínda que polo momento a execución destas dúas obras non ten fixado prazo, coa súa realización pecharíase a humanización en toda a mazá que bordea o casco vello do Castro, dando continuidade e creando unha gran área peonil.

Cada un dos proxectos adaptarase ás características e necesidades de cada zona en concreto, puidendo darse un tratamento completamente peonil ou de uso compartido entre peóns e vehículos, segundo sexa conveniente en cada caso, e sempre baixo criterios de accesibilidade e seguridade.