Cinco centros de ensino e dúas asociacións, distinguidas co 'Selo Revitaliza'

Os recoñecementos por "compostar de maneira responsable" serán entregados o vindeiro xoves día 9 no parque do Piñeiriño da man do persoal técnico do Revitaliza e representantes do Concello
Escolares de Vilagarcía cun composteiro. DS
photo_camera Escolares de Vilagarcía cun composteiro. DS

A Deputación de Pontevedra vén de distinguir co Selo Revitaliza a cinco centros de ensino e a dúas asociacións do concello de Vilagarcía por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico: a Escola de Educación Infantil Vagalume, os centros de Educación Especial Vilagarcía e Escola Mecos, o CEIP Plurilingüe de Vilaxóan e o CEIP Rosalía de Castro, xunto da Asociación Con Eles’e a Asociación Bata. Todos eles dispoñen de centros de compostaxe, algúns asociados a comedores e hortas escolares, e as súas candidaturas cumpriron todos os requirimentos de calidade e boas prácticas esixidos polo departamento provincial. 

O vicepresidente César Mosquera, responsable do Plan Revitaliza, deu os parabéns aos beneficiarios dos recoñecementos e lembrou que todos os colexios ou entidades de calquera tipo, así como negocios e produtores singulares, que teñan un “excelente en compostaxe” por cumprir os parámetros establecidos polo persoal do Plan Revitaliza, poderán lucir nas súas portas os anagramas do Revitaliza como un distintivo personalizado, tal e como acontece con outras redes de calidade (Michelin,  Tripadvisor...). 

Os galardóns van ser entregados o vindeiro xoves 9 de marzo da man de persoal provincial e representantes do Concello de Vilagarcía (o concelleiro Lino Mouriño e a mestra composteira) no Parque do Piñeiriño a carón do CCC. Foi o Concello de Vilagarcía quen presentou as candidaturas dos colexios e asociacións polas súas boas prácticas, validadas logo da supervisión da Deputación. 

No caso de Vilagarcía a equipa que concedeu os distintivos destacou o traballo das escolas que teñen os composteiros nos que botan os restos das merendas asociados incluso a pequenas hortas ou invernadoiros, onde o alumnado vive, aprende e experimenta o proceso da recirculación da fracción orgánica usando nos seus cultivos o compost producido. Tamén se dá o caso de realizar compostaxe cos restos orgánicos resultantes dos comedores, un proceso máis complexo que o das merendas pola cantidade de biorresiduos que se xeran diariamente. 

A maior parte dos centros, ademais, veñen participando nas actividades de divulgación sobre compostaxe no proxecto que o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra desenvolve da man do CEIDA, co obxectivo de que a comunidade docente  e o alumnado se conciencie da problemática dos residuos, acade un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obteña un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e se informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos vixentes na maior parte dos municipios.