Galicia traballa nunha folla de ruta para a adaptación do sector do mexillón e da ameixa ao cambio climático

Antonio Basanta puxo en valor o traballo conxunto das administracións, os científicos e os axentes do sector produtor para implantar solucións que compatibilicen a sustentabilidade ambiental e as actividades socioeconómicas, durante unha visita a Vilagarcía

Clausura do obradoiro sobre  Accións de adaptación ao cambio climático no sector da ameixa e o mexillón en Galicia en Vilagarcía. ANXO LORENZO
photo_camera Clausura do obradoiro sobre Accións de adaptación ao cambio climático no sector da ameixa e o mexillón en Galicia en Vilagarcía. ANXO LORENZO

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou hoxe que Galicia traballa na construción dunha folla de ruta encamiñada a conseguir a mellor adaptación ao cambio climático nos sectores da ameixa e do mexillón, dous ámbitos estratéxicos nos eidos do marisqueo e dos cultivos mariños. De feito, estas actividades facturaron o ano pasado por riba dos 230 millóns de euros e constitúen dous dos principais motores económicos e sociais da costa galega.  

Neste sentido, o director xeral apostou por traballar todos xuntos entre administracións, investigadores e axentes do sector produtivo e sociedade para atopar solucións que se poidan implementar para que o cultivo destes moluscos respondan da mellor maneira posible ás alteracións que se manifesten no clima. 

Clausura do obradoiro sobre  Accións de adaptación ao cambio climático no sector da ameixa e o mexillón en Galicia en Vilagarcía. ANXO LORENZO
Clausura do obradoiro sobre Accións de adaptación ao cambio climático no sector da ameixa e o mexillón en Galicia en Vilagarcía. ANXO LORENZO

Así o destacou o representante autonómico durante a clausura do obradoiro sobre Accións de adaptación ao cambio climático no sector da ameixa e o mexillón en Galicia, celebrado en Vilagarcía e que se inclúe dentro do proxecto TransformAr, que na comunidade autónoma coordina o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e que conta coa colaboración da Universidade Vigo, da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e de expertos do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC).

A través desta iniciativa Galicia será pioneira en estudar o impacto das condicións oceanográficas na produción de mexillón, avanzando cara a dixitalización coa monitorización en tempo real unha batea dotada de sensores. Ademais avaliará a evolución dos bancos de cultivo e marisqueo de ameixa a través dun modelo matemático para explorar estratexias de xestión adecuadas e, a través dun índice de resiliencia, identificará a capacidade de adaptación ao cambio e permitirá priorizar as accións que deban acometerse.

Clausura do obradoiro sobre  Accións de adaptación ao cambio climático no sector da ameixa e o mexillón en Galicia en Vilagarcía. ANXO LORENZO
Clausura do obradoiro sobre Accións de adaptación ao cambio climático no sector da ameixa e o mexillón en Galicia en Vilagarcía. ANXO LORENZO

Antonio Basanta puxo en valor a importancia de contar con extensas series temporais de datos para estudar as variacións de parámetros como a salinidade ou a temperatura da auga, algo que en Galicia é posible grazas ao Observatorio Costeiro da Xunta no que colaboran tanto a Consellería do Mar como a Vicepresidencia Segunda e Consellería do Medio Ambiente. Durante os últimos 15 anos, este Observatorio desempeñou un papel fundamental na mellora da xestión de emerxencias no mar, así como no apoio á xestión dos recursos mariños e a preservación dos ecosistemas no litoral.

Nesta liña, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación destacou a necesidade de contar coa colaboración de toda a sociedade para avanzar cara a un futuro máis sustentable en equilibrio con actividades socioeconómicas como a miticultura e o marisqueo, fundamentais para Galicia.