Vilagarcía destina 90.000 euros ao acondicionamento da rúa Xiabre

O vial serve de conexión entre Trabanca Sardiñeira, O Carril e Bamio
Rúa Xiabre en Guillán, Vilagarcía . JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rúa Xiabre en Guillán, Vilagarcía . JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello investirá 90.000 euros na reforma integral da rúa Xiabre, un vial moi utilizado posto que serve de unión interior entre Trabanca Sardiñeira, O Carril e Bamio. As obras saíron a licitación este luns, conta cun prazo de presentación de ofertas que conclúe o 16 de outubro e outro de execución de dous meses. O proxecto, que contempla tamén o ensanche do camiño, conta cunha subvención da Xunta de Galicia a través do Plan de Melloras de Camiños rurais 2023-24, segundo os requisitos esixidos pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Na actualidade, o vial dispón dun ancho variable que vai desde os 4,70 aos 5,50 metros. Coa actuación do concello preté ndese chegar aos 6 metros no tramo máis desfavorable conseguindo nalgunhas seccións entre 6,5 e 8 metros; en todo caso, haberá un mínimo de tres metros por carril, o que mellorará a seguridade de circulación por esta estrada interior. Por suposto, a actual capa de rodadura, agora mesmo na súa fase final de vida útil, será renovada completamente e dotada de lombos redutores de velocidade.