Esgotadas as prazas para participar no roteiro literario en Vilagarcía

O percorrido será guiado por Xurxo Alonso, que visitará lugares da cidade como o Colexio León XIII, a Imprenta Celta ou a botica de Lisardo Barreiro
Plaza de Galicia en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O roteiro sairá dende a Praza de Galicia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

En só cuestión de horas tras abrir o prazo de inscrición, o Roteiro Literario organizado pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en Vilagarcía de Arousa vén de esgotar as 25 prazas dispoñibles. Trátase dunha actividade coa que ambas as dúas institucións dan a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores do país que exercen de guías baseándose en obras literarias –propias ou alleas– ambientadas en espazos da xeografía provincial. O roteiro vilagarcián, guiado polo autor e pintor Xurxo Alonso, terá lugar o vindeiro 11 de xuño.

A praza de Galicia será o punto de partida do Roteiro literario Vilagarcián, que afondará nas historias de escritores vencellados á cidade como Ramón Martínez López, Fermín Bouza Brey, Luís Bouza Trillo ou Alfredo Brañas. Un dos escenarios do roteiro será o Colexio León XIII, onde exerceron de profesores Xosé Núñez Búa, Díaz Castro, Crecente Vega e Aquilino Iglesia Alvariño; e tamén o Instituto Laboral, onde Plácido Castro del Río foi profesor de inglés. O percorrido pasará pola Imprenta Celta, de cuxo prelo saíu o primeiro libro de poesía en galego despois da guerra civil, Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño. A ruta tamén parará na botica do escritor Lisardo Barreiro, onde traballaron Julio Camba, Lustres Rivas e Domingo Rial Seijo, e que organizaba faladoiros aos que asistiron nomes clave das nosas letras como Valle Inclán, Castelao, Cabanillas e Enrique Gómez Carrillo.