O cómic 'O home que valía por mil' preséntase na homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O ilustrador Pepe Carreiro e o escritor Antón Mascato intervirán no acto que se celebra mañá no Auditorio
Detalle da carátula do cómic. DS
photo_camera Detalle da carátula do cómic. DS

A programación conmemorativa do Día das Letras Galegas de Vilagarcía concentra os actos principais na véspera e na xornada do 17 de maio. O ambiente empeza a quentar motores na xornada do martes 16, coa homenaxe que varios centros educativos dedicarán a Francisco Fernández del Riego nun acto compartido no Auditorio. No marco desa actividade presentarase o cómic Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil. O ilustrador da obra, Pepe Carreiro, e o autor dos textos, Antón Mascato, serán os encargados de presentar a publicación da editorial Galaxia.

Será a partir das 11.00 horas da mañá cando alumnado dos colexios de A Lomba e O Piñeiriño e do IES Castro Alobre realizarán as súas respectivas homenaxes ao académico homenaxeado este ano o Día das Letras. Despois, toda a rapazada asistirá á presentación do cómic. Os creadores deste interesante traballo trasladarán ao alumnado os episodios máis destacables da vida e da obra do homenaxeado a través das páxinas do cómic que se conforma como un formato atractivo e máis que ideal para traballar coa poboación máis nova.

Como é tradición, a programación das Letras Galegas reserva unha xornada especial en Carril o día 17 de maio, con ofrenda floral a Rosalía de Castro, actuacións folclóricas e o concerto de De Vacas.