Os escolares do municipio mergullaranse na compostaxe con charlas e contacontos

O programa dirixido a alumnado de Infantil, Primaria e Educación Especial chegará a máis de 300 nenos e nenas As actividades comezaron a semana pasada coa organización do CEIDA
Escolares de Vilagarcía cun composteiro. DS
photo_camera Escolares de Vilagarcía cun composteiro. DS

Máis de 300 escolares de Vilagarcía mergúllanse estes días na compostaxe a través das diferentes actividades que está a impartir nos centros educativos o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) a través do Plan Revitaliza da Deputación e coa colaboración dos mesteres composteiros do Concello. Obradoiros, charlas e ata contacontos para os máis cativos son as diferentes actividades mediante as cales alumnado de Infantil, Secundaria e Educación Especial tomarán contacto ou perfeccionarán os seus coñecementos sobre como xestionar os residuos orgánicos do lixo de forma ecolóxica e natural para transformalos en abono.

As actividades que se comezaron a impartir a semana pasada están pensadas para os diferentes abanos de idade. Hai un obradoiro sobre a posta en marcha e a utilización dos composteiros e outro que leva por título Quen vive aí? a través do que os nenos e nenas poderán coñecer e identificar aos invertebrados que participan na descomposición da materia orgánica acelerando a súa transformación en compost. Os máis cativos aprenden dun xeito máis lúdico co contacontos A tribo dos escobechos e os de máis idade asisten á charla A voltas coa compostaxe.

A semana pasada as actividades desenvolvéronse no CEIP Arealonga e no Centro de Educación Especial, e esta semana pasarán polo CEIP Rosalía de Castro e pola Escola Unitaria de Aralde-Sobrán.

Axenda desta semana
25/04 - 11:00h. Rosalía Castro: Charla A voltas coa compostaxe
26/04- 10:10h. Rosalía Castro: Charla A voltas coa compostaxe
28/04- 10:10h. Rosalía Castro: Charla A voltas coa compostaxe
28/04- 10:00h. EEI de Aralde Sobrán : A Tribo dos Ecobechos
28/04- 12:00h. EEI de Aralde Sobrán: Posta en marcha do composteiro