56 persoas aspiran a 15 prazas para obtar a un contrato laboral en Fundivisa

As entrevistas para a selección dos alumnos e alumnas que tomarán parte na actividade realízase mediante a valoración do currículo e unha entrevista persoal
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un total de 56 persoas desempregadas de Vilagarcía aspiran a participar no curso de formación especializada que organiza a Concellería de Promoción Económica do Concello en colaboración coa empresa Fundivisa e para o cal se ofertan 15 prazas. A gratuidade da formación en Pulido e reparación de hélices e palas, financiada polo Concello, así como o compromiso da empresa de contratar como mínimo ao 30% dos participantes (a 4 alumnos) volveu a espertar o interese das persoas que buscan acceder ao mercado laboral. Esta é a terceira edición da iniciativa promovida polo Concello co dobre obxectivo de proporcionar ás empresas man de obra cualificada e facer descender a taxa de paro no municipio.

O proceso de selección das 15 persoas que participarán no curso comezou o venres e rematará o luns. Nestas xornadas, persoal do departamento de Recursos Humanos de Fundivisa e unha representante do Concello entrevistarán aos 56 aspirantes para elixir aos que máis se axusten ao perfil que se require para desempeñar as funcións sobre as que se formarán durante os dous seguintes meses. Na lista de candidatos hai principalmente homes e a media de idade de 34 anos.

A formación financiada polo Concello será impartida por unha empresa especializa en base ao programa de necesidades acordado con Fundivisa. Constará de 90 horas de formación teórica e 80 de práctica, que se impartirán nas dependencias da fundición no Pousadoiro. A elección da especialidade de Pulido e reparación de hélices e palas foi da propia Fundivisa, xa que esta e a parte do proceso de produción na que nestes momentos precisan man de obra cualificada e non atopan traballadores que conten coa formación necesaria.

Unha parte dos alumnos que completen ese curso terán unha saída laboral inmediata na propia empresa e os restantes verán ampliadas as súas posibilidades de empregabilidade noutras empresas do sector da fundición e da metalurxia ao contar coa formación específica adquirida de xeito gratuíto Segundo se establece no convenio de colaboración asinado entre o Concello e Fundivisa, os contratos serán a xornada completa e terán unha duración mínima de 3 meses, prorrogables en función das necesidades da factoría.