A perruquería Tijeras de Diseño gaña o concurso de decoración de Nadal

Trinta e dous establecementos comerciais e hostaleiros participaron na iniciativa convocada pola Concellería de promoción Económica ▶ Concedéronse dous segundos premios a Imaxe Moda e Village Bakbery e outros dous terceiros a Rubén Neira e Chic Home

Escaparate de  Tijeras de Diseño gañador do concurso de decoración de Nadal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Escaparate de Tijeras de Diseño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un total de 32 establecementos comerciais e hostaleiros da cidade participaron no Concurso de Decoración de Nadal convocado pola Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía no marco das medidas ambientación e dinamización de rúas promovidas dende o Concello. Segundo os votos emitidos polos propios participantes, o gañador este ano é a perruquería Tijeras de Diseño co seu orixinal escaparate da personaxe da película Eduardo Mans Tesoiras. Ademais concédense outros catro premios, todos eles dotados economicamente.

O establecemento gañador deste ano recibirá 595 euros, mentres que os dous segundos premios, os que recaen na tenda Imaxe Moda e na cafetería Village Backery, obterán 395 euros cada un. Os terceiros premios son para o comercio de moda masculina Rubén Neira e o establecemento de moda e decoración, Chic Home, cada un dos cales recibirá 200 euros.

A variedade de establecementos que participan no Concurso e Decoración de Nadal é moi grande. Ademais de tendas de moda e calzado, perruquerías, e establecementos de hostalaría hai ópticas, librarías, tendas de decoración, ferretería, panadería, ultramarinos e tenda de bicicletas. Os restantes locais que decoraron os seus escaparates e establecementos co obxecto de participar no concurso foron a Tetereta, Lencería Carmen, Panadería Lourido, Motobazar, Los Pepes, Cocce Moda, Arosa Casa, Morena Moda, Bar Abadía dio Duque, Algodón de Azúcar, Atlántica, Pollería Pio Pío, Espazo Sostible Ara, Calzados Yosu, Sendeiro, Ferretería Sobrino, Mike Hair Studio, Miuch, Dándara, Contigo Audiópticas, Os Pitufiños, Alma Mater, Librería Vidal, Óptica Jiménez, Calzados Romero, Calzados Par e Don Pelo.