Fikire e Gema Martín estrean o palmarés do medio maratón Entre Rías

O atleta do Club Deportivo Narón e a do Bilbao Atletismo foron os primeiros gañadores da proba que une O Grove e Sanxenxo

 Cabeza de carreira do medio maratón formado polo podium final e Alejandro Fernández. GONZALO GARCÍA
photo_camera Cabeza de carreira do medio maratón formado polo podium final e Alejandro Fernández. GONZALO GARCÍA

Serbessa Worknek Fikire e Gema Martín Borgas foron os vencedores da primeira edición do medio maratón Entre Rías que se disputou este domingo á mañá entre as localidades do Grove e Sanxenxo.

Os 536 finishers (766 sumados aos do 10K) da proba longa gozaron dunha xornada moi propicia para a consecución de notables marcas.

Así o reflicten os cronómetros dos dous gañadores. Fikire pechou a carreira cun rexistro de 1:05.03 para gañar por diante de Anxo Castro, que ocupou o segundo lugar cun tempo de 1:05.27. Na terceira posición estivo Nasr Bouchaib do CD Arzúa. A proba tivo unha participación de moi alto nivel. Ademais dos mencionados, entre os corredores atopábase o varias veces gañador do medio maratón de Pontevedra Alejandro Fernández, do Ourense Atletismo (1:06.29).

Igualmente espectacular foi o rexistro da triunfadora da proba feminina, que acabou no peto da representante do Bilbao Atletismo Gema Martín (1:16.31). Martín non viu ameazado o seu triunfo en ningún momento e foi moi superior a tódalas súas rivais.

Clasificacións do primeiro maratón Entre Rías.
Clasificacións do primeiro maratón Entre Rías.

Na segunda posición concluíu Tina Fernández Barreiros, da SD Compostela (1:22.55). Mentres, o terceiro lugar do caixón correspondeu a Ana Belén González Margaride, do Sociedad Deportiva Albións (1:26.13).

O medio maratón foi o prato forte dunha competición que se estreaba no calendario autonómico de rota e que cubriu un espectacular percorrido paralelo á costa. Tras saíren do peirao do Grove, os deportistas rodearon a illa da Toxa, atravesaron a vila meca e posteriormente dirixíronse cara a zona de praias, nun percorrido paralelo ao océano no que superaron as praias da Lanzada, Montalvo ou Canelas, antes de alcanzaren Portonovo primeiro e despois Sanxenxo, en cuxo porto deportivo se atopaba a liña de chegada.

Iván Vázquez e Miguel García, do San Miguel de Marín, foron os vencedores da innovadora proba de remudas, cunha marca de 1:11.16, por diante de Adrián Vilas e Efrén Capelo, do CD Brión, cun rexistro de 1:15.14. A terceira posición correspondeu ao dúo composto por Míchel Fernández e José Navarro, do Barbantia Roda. Laura Pérez e Manuel Lorenzo foron a mellor parella mixta, mentres que Marga Villaverde e Silvia García, do CA Noia convertéronse no primeiro equipo integramente feminino en participar e completar o percorrido.

Saída da proba de dez quilómetros. GONZALO GARCÍA
Saída da proba de dez quilómetros. GONZALO GARCÍA

Manuel Cachaldora e Nati García impóñense na proba de 10 quilómetros

Desde a Ermida da Lanzada partiu a proba do 10K, con remate tamén no porto de Sanxenxo. O vencedor absoluto foi Fernando López, cun tempo de 33:02, seguido por Manuel Cachaldora e Víctor López. Entre as mulleres, Nati García chegou a primeira á meta (38:59), por diante de Guada Arnedo e María Dolores Galego. 230 deportistas finalizaron esta distancia.

A competición disputouse nunhas condicións meteorolóxicas ideais, con vento lixeiro favorable e temperaturas suaves, malia a época do ano.