Umia, Marín e Dena, no ceo

▶ O conxunto de Sergio Martín ascendeu a Preferente tras golear o Chaín ▶ O Sanxenxo cae contra o Domaio e queda sen premio ▶ O Mosteiro e o Ponte Arnelas logran as últimas prazas a Segunda tras superar dúas eliminatorias nos play-off
O plantel do Marín celebrando o seu ascenso no céspede de San Pedro. CEDIDA
photo_camera O plantel do Marín celebrando o seu ascenso no céspede de San Pedro. CEDIDA

O fútbol rexional pontevedrés decidiu este domingo o groso das prazas de ascenso e descenso e instalou a ledicia en Barrantes, Marín, Dena, Mosteiro e Ponte Arnelas. O Umia recupera a súa praza en Preferente mercede ao seu triunfo na última xornada contra o Chaín. A escadra dirixida por Sergio Martín goleou diante da súa afección da Bouza e selou o salto de categoría. O seu premio privou ao San Martín de poder gozar desa posibilidade. 

Os vilagarciáns venceron contra o Santa Mariña no último minuto do partido. Agora deberán disputar unha eliminatoria contra o Beluso por unha terceira praza de ascenso. Os buenenses chegarán con boas sensacións, despois de gañaren catro partidos seguidos, o último contra o San Adrián. Por abaixo, o Ponte Caldelas despediuse da categoría derrotando o Arcade, mentres que o Moraña cedeu contra un Campo Lameiro notable durante todo o campionato (1-4) e o Vilaboa empatou en Cuntis. O Caldas perdeu contra o Atlántida Matamá (3-5) na casa. 700 persoas estiveron presentes en San Pedro para veren o ascenso do Marín CF. Os de Javi Martínez obtiveron a vitoria contra o Campañó (2-0) e lograron o seu segundo salto de categoría seguido. Para a súa vítima, o Campañó, foi a cruz: descenso a Terceira. O Dena tamén garantiu o ascenso, cunha goleada de escándalo contra o cabeiro, o Cesantes (1-9). Dos seis conxuntos implicados durante o curso polo ascenso, o Xuventú Sanxenxo foi o damnificado e ficou sen premio. 

Os de Cuchi caeron no duelo directo final en Domaio con claridade (4-2) e deberán voltar intentalo para o curso que vén. Pechouse tamén a Terceira Rexional coa asignación das dúas últimas prazas nos play-off de ascenso. O Mosteiro empatou contra o Salcedo e fixo bo o seu triunfo na ida para lograr o salto de categoría. Pola súa banda, o Ponte Arnelas repetiu o resultado obtido no partido de ida, contra o Noalla (1-0) e tamén obtivo a súa recompensa final.