A Concellería de Xuventude de Vilagarcía informa sobre o bono Concilia Familia

As axudas son para financiar os gastos derivados das necesidades de atención de nenos e nenas menores de 13 anos cuxos proxenitores traballan
Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Entrada do Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía de Arousa informa sobre a convocatoria do bono Concilia Familia e diríxese ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia ata os doce anos de idade. Esta axuda ten como obxectivo colaborar no financiamento dos gastos derivados das necesidades de atención dos cativos mentres os pais traballan.

O prazo de presentación de solicitudes abriuse o 5 de xullo e as axudas poderán tramitarse ata o 15 de setembro, segundo consta na orde da Consellería de Política Social e Xuventude publicada no DOG o día 4 de xullo.

Os gastos financiables do bono Concilia Familia inclúen a contratación dunha persoa empregada do fogar de forma temporal, a contratación de servizos de atención á infancia a domicilio ou a asistencia a servizos de conciliacións autorizados como ludotecas ou campamentos.

Os requisitos para poder optar ao bono son que o neno ou nena sexa menor de 13 anos no momento no que se produce a necesidade de apoio e que os dous proxenitores ou titores traballen durante as vacacións escolares. No caso de familias monoparentais ou en situación de custodia compartida serán os mesmos requisitos.

Para a concesión desta axuda, que abarca os períodos de vacacións escolares dende o 1 de xaneiro ao 8 de setembro do ano en curso, non se teñen en conta os ingresos da unidade familiar, polo que calquera persoa pode solicitalos. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos.