O 'Ameixa Rock' cumpre dez anos enxalzando os valores de Carril

O Concello de Vilagarcía presentou este xoves a programación do evento que se celebrará a primeira fin de semana de setembro
Imaxe da presentación deste xoves. DS
photo_camera Imaxe da presentación deste xoves. DS

O Concello de Vilagarcía acolleu este xoves a presentación da décima edición do 'Ameixa Rock', un evento cheo de música que enxalza Carril e todos os seus elementos. Durante o acto participaron o alcalde, Alberto Varela e o voceiro da organización, Elpidio Costa. Tamén estiveron presentes Sonia Outón, concelleira de Cultura, e outra persoa do ente organizativo.

Carril chearase de boa música, gran ambiente e actividades relacionadas co entorno da parroquia, como viaxes á Illa de Cortegada, na primeira fin de semana de setembro. Ademais, o combate naval, aprazado ata o sábado 2 dese mes, complementará a programación.

O alcalde do Concello abriu a intervención recoñecendo que esta é "unha edición especial" e afirmou que é "unha das citas obrigadas do verán en Vilagarcía". "Trátase dun evento consolidado, cheo de boa música e bo ambiente que pon en valor a Carril", engadiu.

Varela tamén quixo dar valor ao "mantemento da tradición deste evento" e ao "amor que se xera sempre cara Carril" nunha edición onde destacan as viaxes á Illa de Cortegada. O rexidor rematou invitando a todo o mundo "a pasar unha gran fin de semana".

Desde a organización agradeceron o traballo das institucións durante estes 11 anos, especialmente ao Concello, que permite organizar esta décima edición. Elpidio Costa, voceiro da organización, resaltou as dúas viaxes que se farán o sábado ata a Illa de Cortegada xa que "sería un insulto non facer nada con esta Illa". A primeira delas se desenvolvera a partir das 10.00 horas, coa ida camiñando grazas á marea baixa, e a segunda será ás 16.30.

En medio das dúas viaxes, que serán as únicas actividades que non serán gratuítas, haberá unha sesión vermú animada polo grupo 'The Velvet Crab' ás 13.30 horas, que se repetirá o domingo á mesma hora pero ambientada por 'Perfect Strangers'.

Sobre os actos da noite, Costa destacou o concerto de Recambios Tucho ás 22.30, o de Furious Monkey House ás 00.30 e o de Kris DJ, do grupo 'La Duendeneta', que pechará o día. Ademais, a organización aproveitou o cambio de data do combate naval, que formará parte das actividades á medianoite.

Para pechar o acto, o voceiro quixo enxalzar o traballo de membros pasados da organización e os prezos das viaxes de Cortegada e da venda das camisetas do evento, ademais de asegurar que "temos menos grupos pero máis calidade técnica con innovacións como o escenario móbil".