O Combate Naval posponse para o sábado 2 de setembro por chuvias

A preparación do acto pirotécnico require de días previos sen precipitacións e as forzas de Seguridade do Estado e a Axencia Galega de Seguridade no teñen dispoñibilidade para esa xornada
Fogos de artificio durante o Combate Naval en Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera Fogos de artificio durante o Combate Naval en Vilagarcía de Arousa. DS

A inestabilidade climática tan característica de Galicia volve a producir os seus efectos. Debido á previsión de chuvias para as xornadas do venres 18 e do sábado 19 de agosto, a programación cultural das Festas de San Roque sofre unha serie de alteracións.

En primeiro lugar, o espectáculo Noites de Festa mantense para este venres 18 de agosto, pero en lugar de realizarse ao aire libre, trasládase ao interior do Auditorio Municipal. A verbena do grupo Claxxon programada para ese día, amenizará finalmente a velada do venres 1 de setembro.

A modificación máis significativa na programación é á do Combate Naval, que se pospón ata o sábado 2 de setembro. Este evento é moi esperado polos veciños e veciñas de Vilagarcía e leva celebrándose dende fai máis de 150 anos. Aínda que o parte meteorolóxico indica que as precipitacións previstas para as vindeiras horas comezarán a remitir a partir da tardiña do sábado, o Combate non poderá celebrarse esa noite por dúas razóns fundamentais. A primeira é que a montaxe precisa de dous días nos que non pode chover para non estragar a pólvora. Por outro lado, a segunda razón é a do operativo de seguridade, que impide que o evento se celebre a última fin de semana de agosto, xa que os medios que as forzas de Seguridade do Estado e a Axencia Galega de Seguridade destinan á vixilancia e control deste tipo de actos multitudinarios, están comprometidos nas celebracións doutro municipio galego.

Confraría do Viño Rías Baixas

Aínda que se mantén a súa celebración, os actos do XVII Capítulo da Confraría do Viño Rías Baixas veranse tamén lixeiramente alterados. A recepción dos colectivos participantes realizarase ás 11.30 horas no Salón García, dende onde, se as condicións climatolóxicas o permiten, sairá a comitiva para desfilar polas rúas peonís do centro urbano e regresar ao punto de partida para continuar co acto de irmandamento coa Confraría Enogastronómica de Madeira e o nomeamento dos novos confrades.

A actividade que se mantén sen cambio o sábado é o da verbena que a partir das 23.00 horas ofrecerá a orquestra Metrópolis na Avenida da Mariña xa que, como se dixo anteriormente, as predicións meteorolóxicas apuntan a que as choivas cesarán a partir da tardiña.