26 mulleres vilagarciáns reciben formación co programa 'Galegas dixitais'

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá esta actividade en Vilagarcía de Arousa, que conta coa participación de 26 mulleres, e que tamén se celebra en Cambados e O Grove e chegará a Catoira, Pontecesures, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meis, Meaño e A Illa de Arousa
Programa Galegas Dixitais en Vilagarcía
photo_camera Foto de familia durante a visita do delegado territorial. CEDIDA

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a formar a máis de 4.000 mulleres da provincia de Pontevedra en capacidades informáticas e tecnolóxicas ao abeiro do programa Galegas Dixitais, co que se pretende mellorar a cualificación das participantes e outorgarlles máis opcións de empregabilidade e emprendemento coa redución da fenda dixital.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego, Marta Mariño, e representantes municipais, visitou esta mañá o desenvolvemento deste programa en Vilagarcía de Arousa, que comezou hai dez días con 26 mulleres e a profesora Rita María Rey e estenderá as súas actividades ata o 26 de decembro.

Esta actividade formativa, que inclúe un ordenador portátil de agasallo para todas as participantes, está orientada a mulleres desempregadas de municipios inferiores a 30.000 habitantes ou a traballadoras ocupadas que estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que figuren como demandantes de emprego.

Durante a mesma impártense 135 horas formativas en tres módulos, de idéntica duración cada un, consistentes en competencias básicas de informática, competencias avanzadas de informática e iniciación de competencias dixitais básicas para o emprendemento. Así mesmo, estas ensinanzas complementaranse cun módulo de igualdade.

Nesta primeira fase, Galegas Dixitais estase a desenvolver en 25 localidades da provincia, entre as que tamén figuran, da comarca do Salnés, as de Cambados e O Grove. Na segunda quenda, incorporaranse outros 25 municipios, entre os que están incluídos os de Catoira, Pontecesures, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meis, Meaño e A Illa de Arousa.

O programa, que beneficiará a 10.000 mulleres de toda Galicia coa celebración de 600 accións formativas en 60 localidades, está promovido pola Xunta de Galicia e financiado a través dos Fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea.

Minuto de silencio e declaración institucional

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra interrompeu a súa visita ao mediodía e, xunto á xefa territorial de Promoción do Emprego e as participantes de Galegas Dixitais en Vilagarcía de Arousa, celebrou un minuto de silencio na lembranza das vítimas da violencia de xénero con motivo do 25N. Posteriormente, procedeuse á lectura da declaración institucional aprobada no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero para esixir a absoluta e inmediata erradicación desta lacra.

Minuto de silencio por el 25N durante el programa Galegas Dixitais en Vilagarcía
Minuto de silencio polo 25N durante o programa Galegas Dixitais. CEDIDA