Ribadumia reparte 890€ en premios ás mellores decoracións de Nadal de escaparates e vivendas

O obxectivo é premiar a creatividade da veciñanzaa, así como decorar o municipio e todos os establecementos locais para impulsar o comercio
 Gente en la calle Michelena durante las pasades navidades. RAFA FARIÑA
photo_camera Gente durante las pasades navidades. RAFA FARIÑA

O Concello de Ribadumia convoca as bases para os dous concursos de decoración de Nadal que desenvolve cada ano. Trátase da IV edición do Concurso de decoración de Nadal en ventás e exteriores de vivendas do Concello de Ribadumia e a IV edición do Concurso con decoración de Nadal de escaparates e interiores de establecementos con sede no Concello de Ribadumia; este último, promovido pola asociación de comerciantes ‘Ribadumia Agárdate’ e en colaboración co Concello. 

O goberno local pretende promover a creatividade dos veciños e veciñas do municipio para que decoren os seus balcóns, ventás, fachadas ou exteriores das súas vivendas para exaltar esta época de festividade do Nadal. Tamén se pretende axudar a dinamizar e impulsar a promoción do comercio local a través da decoración dos escaparates e interiores dos establecementos que teñan sede e desenvolvan a súa actividade en Ribadumia en colaboración coa asociación de comerciantes Ribadumia Agárdate. Con todo, repartiranse 890€ en premios para gastar no comercio local do municipio. 

A temática de ámbolos dous concursos é totalmente libre en canto a técnica e estilo. Valorarase a creación artística, a presentación, a creatividade a orixinalidade e os elementos característicos da nosa cultura e tradición, así como os adornos de Nadal feitos con material reciclado. 

Os veciños e veciñas de Ribadumia que queiran participar coa decoración dos seus fogares deberán ter exposta a súa decoración entre o 8 de decembro de 2023 e o 7 de xaneiro de 2024. O prazo de presentación de candidaturas remata ás 23.59 horas do 20 de decembro de 2022. 

Pola súa parte, os comerciantes e traballadores que queiran decorar os seus escaparates ou interiores e queiran participar, terán tamén ata o 20 de decembro de 2023 para inscribirse no concurso.

Unha vez rematado o prazo de inscrición nos concursos, o xurado reunirase para examinar as candidaturas presentadas e decidir os galardoados da presente edición. No caso do concurso de vivendas, o xurado estrará composto por dous representantes do Concello de Ribadumia e un representante da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. Para o concurso de escaparates e interiores de establecementos, o xurado estará formado por un representante do Concello de Ribadumia e dous representantes da Asociación de Comerciantes. 

Os gañadores e gañadoras dos dous concursos daranse a coñecer o día da Cabalgata de Reis, ademais de ser comunicados persoalmente e a través das redes sociais municipais.