Ribadumia denuncia actos de vandalismo en diferentes localizacións do municipio

O Concello deu parte ante as autoridades e puxo o asunto en coñecemento da Garda Civil
Pintadas CPI Julia Becerra Malvar
photo_camera Pintadas no CPI Julia Becerra Malvar. DS

Durante as últimas semanas véñense sucedendo unha serie de actos vandálicos en diferentes localizacións de Ribadumia que ocasionan malestar e protestas entre a veciñanza. Ante todos estes feitos, o Concello deu parte ante as autoridades e puxo as correspondentes denuncias na Garda Civil. 

Concretamente, os actos vandálicos tiveron lugar en catro puntos. Preto da Igrexa de Ribadumia e o Tanatorio destruíuse o valado de madeira que estaba a carón de onde se aparcan os coches. No CPI Julia Becerra Malvar e a gardaría víronse afectadas as papeleiras, as persianas, con pintadas na parede, danos na fachada e incluso se esnaquizou o decorado exterior do xardín. No CRA de Leiro roubouse unha pequena piscina empregada como estanque polos nenos e nenas para o seu horto. E no CRA de Lois rompeuse a porta que da ao exterior con signos de vandalismo, malia as sospeitas de que entrase alguén, non faltaba nada no seu interior. 

O Concello de Ribadumia tratará de devolver á súa situación natural todas as desfeitas ocasionadas de forma vandálica o antes posible, pero quere recalcar "a importancia de concienciar á veciñanza sobre o mantemento de todos os bens públicos, non só aqueles que se deben levar a cabo dende a administración, senón que o coidado por parte da cidadanía é igual de importante, xa que vivimos en sociedade e temos que respectarnos uns a outros".

Tras as denuncias interpostas ante a Garda Civil, procedeuse a identificar a varias persoas nas inmediacións do colexio de Barrantes e a gardaría. Unha vez máis, o goberno municipal insta "ó civismo dos cidadáns e á concienciación no coidado dos bens públicos para que estas situacións non volvan a ocorrer en Ribadumia".