Ribadumia convoca un concurso de tapas polo 50 Aniversario da Festa do Viño Tinto

Baixo a denominación “En Ribadumia: tapa o teu baldón”, esta primeira edición do concurso celebrarase desde o 17 ata o 21 de maio ▶ Os interesados/as en participar terán de prazo ata o 28 de abril para inscribirse
Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés 2. RAFA FARIÑA
photo_camera Edición do 2022 da Festa do Viño Tinto e exaltación das Variedades Autóctonas en Barrantes. RAFA FARIÑA

O Concello de Ribadumia celebrará, este ano con motivo do 50 Aniversario da Festa do Viño Tinto e exaltación das Variedades Autóctonas, un concurso de tapas e petiscos baixo a denominación “En Ribadumia: tapa o teu baldón”, dirixido a aqueles establecementos de hostalaría do municipio que desexen participar.

O obxectivo deste proxecto é fomentar o consumo, dinamizar o sector e poñer en valor a oferta gastronómica de Ribadumia. Esta primeira edición levarase a cabe sempre e cando haxa unha inscrición e participación mínima de seis establecementos hostaleiros. De non ser así, o concurso quedará deserto. Nesta competición, poderán participar todos os establecementos de hostalaría do municipio, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas e teñan unha oferta de petiscos, tapas ou cociña en miniatura continuada. Esta participación é libre e non xera gastos de inscrición para ningún participante.

Cada participante poderá participar cun único petisco neste concurso, e terá de prazo para inscribirse ata o 28 de abril. Os ingredientes de cada petisco son de libre elección do participante, pero valoraranse os petiscos que mariden con viño tinto de Barrantes ou calquera outro viño das variedades autóctonas tintas, tendo en conta que se inclúe este certame dentro da programación da Festa do Viño Tinto. O prezo de cada petisco será de 1,50€, que cada participante deberá cobrar ao consumidor.

Estas tapas deberanse ofrecer ao público desde o 17 ata o 21 de maio, ambos inclusive. Durante este cinco días, a veciñanza poderá consumir unha tapa e o establecemento entregaralle unha enquisa para facer a súa valoración. A puntuación de cada establecemento está composta dun 50% da valoración da clientela, e outro 50% por un xurado externo que visitará de xeito anónimo todos os establecementos participantes no concurso.

Neste I Concurso de tapas ‘En Ribadumia: tapa o teu baldón’ haberá premio tanto para os clientes que participen nas enquisas de valoración como para o establecemento gañador á mellor tapa ou petisco. A clientela participante na avaliación entrará no sorteo de dúas entradas, valoradas en 60€, para asistir ao Xantar da Confraternidade que se celebrará o sábado 3 de xuño no Pavillón de Barrantes. Pola súa parte, o establecemento gañador deste certame, será galardoado con 200€ e un diploma de recoñecemento.