Ribadumia recibiu máis dun millar de visitantes durante o mes de xullo

Dende o Concello agardan que as celebracións de eventos do mes de agosto continúen co incremento de visitantes no municipio
Concello de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Segundo os datos recollidos pola Oficina de Turismo, o Concello de Ribadumia recibiu, durante o mes de xullo, un total de 1.162 visitantes, unha cifra superior a do mes de xullo do pasado ano, cando o municipio recibiu 739 persoas.

O aumento da porcentaxe internacional é un dos datos máis significativos do mes de xullo, pois o 28% dos visitantes foron estranxeiros. Os principais países emisores foron Portugal, Italia e Estados Unidos, aínda que tamén hai datos de persoas procedentes de Suecia, Taiwán, Hungría e Corea do Sur, entre outros. Esta cifra significa un aumento dun 7% respecto ao ano anterior.

Pola súa parte, o turismo nacional continúa a ser o máis numeroso, con 842 visitantes rexistrados procedentes de toda a xeografía española. Andalucía, Madrid, Castela A Mancha e Castela e León son as comunidades autónomas máis interesadas en visitar Ribadumia. Os turistas procedentes doutros puntos de Galicia ocupan o quinto lugar da lista.

Dentro do total de visitantes, o 51% corresponde co perfil do peregrino ligado á Variante Espiritual, o 47% foron turistas e a porcentaxe restante pertence ao número de excursionistas recibidos durante este período.

Sobre os intereses do conxunto de persoas que visitaron Ribadumia neste período de tempo, destaca a gastronomía, o enoturismo e a práctica de deportes no eido natural. Hai que destacar que este ano tamén se recibiron grupos moi numerosos, mentres que outros anos se recibían pequenos grupos, parellas e mesmo xente que se achegaban de forma individual.

Desde o Concello agardan que durante o mes de agosto se poidan manter ou amentar estas cifras, debido á cantidade de eventos que están por chegar, como a celebración da XX edición da Festa do Pan do Salnés ou o XXXI Trofeo Concello de Ribadumia de Fútbol.