Ribadumia valora positivamente a xa pasada edición da Festa do Pan

Nesta vinte edición, celebrada o pasado sábado 12 de agosto, foron máis de 1.500 veciños e visitantes os que se achegaron ao lugar durante toda a xornada
A XX Festa do Pan coa Carballeira de Ribadumia chea. DS
photo_camera A XX Festa do Pan coa Carballeira de Ribadumia chea. DS

Na Carballeira de Ribadumia celebrouse o pasado sábado 12 de agosto a XX Festa do Pan do Salnés, que segundo o Concello de Ribadumia, resultou ser todo un éxito, tanto no relativo á afluencia de asistentes a todos os actos como no relativo á organización.

A afluencia de público na Carballeira de Ribadumia, segundo o goberno local, comezou xa a primeira hora da tarde coa presentación das empanadas e sobremesas para o concurso, cun récord de participación en canto á procedencia dos participantes. Este ano, resultaron gañadores Antón Piñeiro e Rafael Bemposta. A presenza de público foi constante a partir das 19.00 horas co comezo da animación e o obradoiro infantil, aumentando ó longo da velada, tanto na recreación dos Muíños do Batán coma na posterior cea de confraternidade.

Foron máis de 1.500 veciños e veciñas e visitantes os que se achegaron a Ribadumia durante toda a xornada para gozar de todas as actividades ofrecidas nesta vinte edición. Dende o Concello declaran que se despacharon preto de 3.000 ovos fritos con pan que puideron ser acompañados de polbo, empanadas e distintas variedades de pan e sobremesas que se puideron adquirir nos postos habilitados para a súa venta.

Este ano houbo un aumento expoñencial nas vendas das dúas novidades de sobremesa do ano pasado ofrecidas no menú: as chulas e as papas de fariña milla. "Estas boas cifras supoñen un gran éxito para toda a organización e os colaboradores da celebración, pois consolídase ese interese que ten o público coa tradición", recalcan. 

Respecto das ventas, Ribadumia aclara que "hai que salientar o notable aumento que se produciu tanto nos tickets de ovos e pan coma nos produtos achegados polos panadeiros municipais que colaboran na Festa do Pan"; destacando tamén as cifras de venda de tostas e viño, onde tamén se percibiu un gran aumento, nalgúns casos chegando a esgotar algúns dos tickets dispensados. 

Todos estes resultados demostran o "gran percorrido que está a ter a Festa do Pan do Salnés en cada edición", así como a súa "consolidación tras vinte anos conmemorando a elaboración do pan". Ademais, tanto para o equipo de goberno como para os colaboradores e organizadores supón "unha motivación para continuar traballando ano tras ano na súa execución", destacan. 

Así, o Concello de Ribadumia agradeceu publicamente a todo sos colaboradores e traballadores municipais a súa implicación activa na organización da festa e á Escola de Verán do Concello. Ademais das panaderías participantes que ano tras ano son colaboradores na Festa do Pan.