O Concello de Ribadumia mostra o seu descontento coas datas das ITV agrícolas

Aseguran sentirse "gravemente" afectados ao coincidir cos días da vendima
Estación de ITV para vehículos agrícolas. EFE
photo_camera Estación de ITV para vehículos agrícolas. EFE

O Concello de Ribadumia foi notificado sobre as datas programadas para as inspeccións das ITV agrícolas no municipio, que se fixaron desde o 31 de agosto ata o 12 de setembro. Dado que este período coincide directamente coa tempada de vendimas, dende o ente local consideran que estas datas son "inadecuadas" e poderían xerar "graves inconvenientes" para os agricultores e viticultores. 

Co obxectivo de evitar calquera conflito e garantir o correcto desenvolvemento das actividades agrícolas e económicas, o Concello púxose en contacto vía telefónica coa estación de Supervisión y Control S.A., e posteriormente envioulle unha carta vía correo electrónico ao director. Neste escrito expuxéronse as inquietudes do goberno local e solicitouse encarecidamente o adianto de datas para as inspeccións das ITV agrícolas para evitar a interferencia coas vendimas. 

A pesar de todos os esforzos e a comunicación levada a cabo coa empresa, a día de hoxe, tal e como sinalan dende a administración local, segue sen recibirse reposta por parte de Supervisión y Control S.A.

O Concello de Ribadumia expresa así o seu profundo desacordo coa forma de proceder no concello e lamenta a falta de interese da empresa para chegar a un acordo. A dúas semanas de “comezar” a quenda de inspeccións e a pesar de todos os esforzos, seguen sen recibir resposta da carta formal, pese a ter constancia de que a comunicación foi recibida e lida.