Novembro volverá a encher o Auditorio municipal de entretemento para toda a familia

Esta fin de semana, terá lugar a IV Ginga pela Humanidade e a representación teatral O achado do Castro  O mes de novembro ofrecerá á veciñanza unha programación chega de teatro, música e humor para achegar ao Auditorio diferentes perfís de visitantes en idades e gustos. 
Presentación IV Ginga pela Humanidade. DS
photo_camera Presentación IV Ginga pela Humanidade. DS

A programación de novembro no Auditorio de Ribadumia comeza este sábado coa IV Ginga pela Humanidade, organizada polo instrutor Bacana e o alumnado da Escola Massapè de Capoeira. Durante tres horas (desde as 17:00 h ata as 20:00 h), as persoas asistentes serán testemuñas do batizado e troca de cordas (Maculelê, Samba de Coco e Pole Dance). O prezo da entrada será de 3€, e todo o recadado doarase en favor das vítimas da Ucraína. 

O domingo 6 de novembro votará a andar, ás 19:00 horas, o ciclo de teatro do Auditorio de Ribadumia que se celebrará durante todo o mes de novembro, con catro representacións teatrais repartidas en catro semanas. 

Nesta primeira ocasión, representarase a obra teatral O achado do Castro, por parte do grupo de teatro Aturuxo, da Asociación O Castro de Baión. Durante a tarde, o público trasladarase á Roma antiga a través do humor, situacións inauditas e moitas gargalladas para toda a familia. A entrada será de balde ata encher aforo. 

Durante o resto do mes, os veciños e veciñas do municipio e arredores poderán gozar de máis teatro, unha mostra fotográfica, música a cargo da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e outras actuacións musicais ou de humor que o Auditorio ten preparadas. Con esta variedade de eventos durante o mes, preténdese ofrecer diferentes opcións de entretemento para todos os gustos e idades, onde todos os veciños/as e achegados poidan gozar desta ampla oferta que o Concello de Ribadumia lles ten preparada.