Desaparecen dous contedores das illas ecolóxicas instaladas en Ribadumia

Os actos vandálicos producíronse na área recreativa da Fonte do Corvo (Leiro) este venres

 

Contedores sustraídos en Fonte do Corvo. CONCELLO DE RIBADUMIA
photo_camera Contedores sustraídos en Fonte do Corvo. CONCELLO DE RIBADUMIA

O goberno de Ribadumia informou este venres dun acto vandálico relacionado coas illas ecolóxicas instaladas esta semana, pois desapareceron dous contedores dos colocados na área recreativa da Fonte do Corvo (Leiro).

As illas ecolóxicas, instaladas estratexicamente en distintos puntos de Ribadumia, teñen como obxectivo fomentar a separación de residuos e promover prácticas de reciclaxe responsables entre a veciñanza. Estas medidas son fundamentais para garantir un entorno máis limpo e sostible, ademais de contribuír ó benestar da nosa comunidade e o coidado da nosa contorna natural.

Desde o goberno local afirmaron que "o roubo dos contedores na parroquia de Leiro é un acto que non só prexudica á comunidade en xeral, senón que tamén afecta aos esforzos da administración municipal en crear un municipio máis ecolóxico e comprometido co medioambiente".

O Concello de Ribadumia reafirmou o seu compromiso coa promoción de prácticas sostibles e de concienciación cidadá, e considerou este roubo como "unha falta a eses valores". As autoridades competentes xa foron notificadas sobre este incidente, e están traballando para esclarecer os detalles e levar a cabo as accións necesarias para a recuperación dos contedores e a prevención de futuros actos similares.