O Concello de Ribadumia executa a canalización e recollida de pluviais na Gándara

O proxecto tivo un importe de 48.098,49 euros pertencentes ao Plan Concellos 2022
El alcalde de de Ribadumia, David Castro, es el candidato del PP a la Mancomunidade. DS
photo_camera O alcalde de Ribadumia, David Castro. DS

O Concello de Ribadumia finalizou as actuacións no lugar de Gándara, onde se ampliaron as redes de recollida de augas pluviais e saneamento, o abastecemento de auga e proporcionouse unha mellor accesibilidade e seguridade viaria nesa localización. Este proxecto pertence ó Plan Concellos 2022 e supuxo un investimento de 48.098,49 euros. 

Neste lugar, seis vivendas ou parcelas edificables viron mellorados os seus servizos básicos, así como outras propiedades que se sitúan en ambas marxes do camiño. Entre as actuacións que se levaron a cabo inclúese a execución dunha recollida de augas pluviais, que xa existía anteriormente pero que precisaba dunha ampliación e mellora para aumentar a súa capacidade nunha lonxitude total de 80 metros. 

O Concello de Ribadumia ampliou e mellorou a rede de augas pluviais existente, mediante tubos de PVC de 315mm de diámetro e arquetas sumidoiro. Estas actuacións executáronse co obxectivo de recoller as augas procedentes de fincas xa urbanizadas, mellorar a recollida das procedentes do camiño que vai ao lugar de Lamas e ampliar a rede a unha zona onde recentemente construíronse varias vivendas e está en proceso de urbanización do camiño. 

Desde o Goberno municipal, preténdese facilitar o acceso á vivenda nesta zona, mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade en xeral no tramo de intervención, tanto para vehículos regulares como agrícolas, así como a mellora do límite entre as fincas e o camiño.