O Auditorio de Ribadumia ponse 'A todo tren' coa estrea da nova programación cultural

O domingo 23 de outubro, ás 19:00 horas, emitirase a película A todo tren, unha comedia familiar dirixida por Santiago Segura ▶ Durante os meses de outubro, novembro e decembro, o Auditorio achegará á veciñanza unha programación con teatro, música, cine e festas, entre outras 
Auditorio municipal de Ribadumia. ATAQUILLA
photo_camera Auditorio municipal de Ribadumia. ATAQUILLA

Esta fin de semana, o Concello de Ribadumia estrea a súa programación cultural de outono/inverno no Auditorio tras o parón do verán. Ofrecerase, cada semana, representacións teatrais, musicais ou audiovisuais para público familiar, onde pequenos e maiores poderán gozar das citas que o concello lles ten preparadas. 

Esta inauguración comezará o domingo 23 ás 19:00 horas cunha sesión de cine da man da comedia familiar A todo tren, dirixida por Santiago Segura. A entrada é de balde, e libre ata completar o aforo do Auditorio. Coa emisión desta produción do ano 2021, preténdese dar resposta á demanda que fan tanto os nenos e nenas coma os familiares de ofrecer últimas estreas da carteleira.

Dentro da oferta de entretemento que o goberno municipal ten preparada para toda a veciñanza do municipio e arredores, tamén destacan as representacións teatrais, os espectáculos musicais, festas, galas benéficas e máis cine. Toda esta información pode consultarse nos dípticos informativos que se enviaron aos domicilios de Ribadumia, nas redes sociais ou na páxina web municipal. 

A maiores, dende o 25 de novembro ata o 15 de febreiro de 2023, estará exposta ao público a mostra fotográfica Non somos números, que representa a violencia de xénero que sufriron algunhas mulleres. Esta exposición é visible media hora antes de cada actuación programada nas instalacións do auditorio, ou por grupos pedindo cita previa no teléfono 622 585 359, da Asociación ESMAR Non ó Maltrato

O Concello de Ribadumia anima a todos os veciños/as do municipio e achegados a asistir este domingo pola tarde á emisión deste filme, onde o entretemento, as aventuras e as gargalladas están aseguradas.  

Sinopse de A todo Tren

O filme conta a historia de Ricardo, un pai responsable e envorcado no seu fillo, que decide levalo a un campamento en Asturias en tren nocturno. Algúns pais e nais propóñenlle que leve tamén a outros rapaces, pero non contan con que no último minuto tamén os acompaña Felipe, avó de dous dos nenos, un home extravagante e irresponsable.

Cando o tren arranca sen Ricardo nin Felipe, pero cos nenos sos dentro, comezará unha disparatada persecución por parte do pai e do avó para alcanzar ao tren. Mentres tanto, os nenos estarán vivindo unha aloucada viaxe, onde farán todas as falcatruadas que non se atreverían nunca a facer diante dos maiores.