Sofía García e Dani Rivas vencen o XXI Torneo Concello de Vilagarcía

A categoría de dobres estreouse co triunfo de Pablo Otero e Adrián Vázquez, Juan Manuel Camiña alzouse co título na modalidade de veteranos e Alejandro Arca e Álvaro Abalo foron os vencedores nas categorías A e B
Imaxe dos gañadores do Torneo de Verán do Concello de Vilagarcía. DS
photo_camera Imaxe dos gañadores do Torneo de Verán do Concello de Vilagarcía. DS

Sofía García, no apartado feminino ante Lucía Casalderrey (6-2/4-6/6-4), e Daniel Rivas, no masculino ante José Luis Padín Núñez (6-3/6-2), proclamáronse campións absolutos da vixésima primeira edición do Torneo de Tenis de Verán Concello de Vilagarcía, celebrado nas pistas do complexo multideportivo de Fontecarmoa nas últimas semanas.

Alejandro Arca e Álvaro Abalo foron os vencedores nas categorías A (nados entre os anos 2014 e 2010) e B (2009-2005) respectivamente, mentres que o campión na modalidade de veteranos foi Juan Manuel Camiña e o trofeo á deportividade recaeu en José Bernárdez.

A gran novidade desta edición foi a estrea da categoría de dobres, na que resultou vencedora a parella composta por Pablo Otero e Adrián Vázquez ante José Aguín e José Castro (6-4/7-5).

O Torneo de Tenis de Verán 2023, que organiza cada ano a Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía, contou na presente edición con 111 participantes distribuídos nas seis categorías da competición. A de dobres contou coa participación de 12 parellas. En total celebráronse 100 partidos polo sistema de eliminatoria.