O Cambados pon a proba o liderado do Villalonga

Os sanxenxinos buscarán ampliar a ventaxa co Portonovo, que disputa o outro derbi comarcal ante o Ribadumia
Villalonga-Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Duelo entre el Villalonga y el Cambados de la pasada campaña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Derbi comarcal para poñer a proba a consistencia, nada dubidosa ata a data, do líder, o Villalonga. O equipo celeste recibe na tarde deste domingo (16.30, San Pedro) o Juventud Cambados coa mente posta nun novo triunfo que vaia acurtando o seu camiño cara o ascenso. Trala derrota perante o Antela, os celestes reaccionaron ben e venceron o derbi das alturas contra o Portonovo a pasada semana. Hoxe tentarán bater un veciño que é noveno na táboa e que vai a máis, como demostran os seus catro partidos consecutivos sen perder.

Ás 17.00 horas xogarase o outro derbi do Salnés da fin de semana, entre o Ribadumia e o Portonovo, na Senra. Os arlequinados seguen como segundos malia perderen contra o Villalonga na última cita, mentres que os aurinegros están instalados nunha dinámica negativa de cinco partidos sen vencer, os dous últimos resoltos con derrotas. A zona de descenso comeza a achegarse para o bloque de Baptiste, que precisa deixar atrás a súa xeira de resultados.

O Céltiga verá de reollo a ese envite, cuxo resultado podería permitirlle mergullarse nos postos de ascenso directo. Para iso, antes que nada, deberá facerse cos tres puntos no seu difícil desprazamento a Vigo para enfrontarse ao Valadares (16.30). O cadro de Luis Carro encadea tres xornadas sen caer, mentres que o Valadares leva unha xeira negativa, na que non gaña desde hai sete xornadas, o que o arredou do dúo de cabeza, pero non o descartou, aínda, da pelexa por eses postos nobres.