A Xunta mellorará 37 paradas de autobús en Sanxenxo, Cambados, Meis, O Grove e Meaño

Ademais, atópase en redacción outro proxecto semellante para mellorar as paradas en Vilanova e Vilagarcía 
Visita de Luis López a las paradas de autobús de la recta de la Goulla en Meis
photo_camera O delegado territorial visitou este venres a recta da Goulla en Meis, onde se actuará en catro paradas. XUNTA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, abriu na xornada deste venres o período de información pública do proxecto de mellora de 37 paradas situadas na rede de estradas autonómicas da comarca do Salnés, que suporá un investimento autonómico de 745.000 €.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou do inicio desta tramitación administrativa que recolle o Diario Oficial de Galicia deste venres, nunha visita á estrada PO-531, ao seu paso polo Concello de Meis, á altura da coñecida como recta da Goulla, que é un lugar no que se actuará en catro paradas de autobús. 

O representante autonómico, que estivo acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, pola alcaldesa meisina, Marta Giráldez, e por outros representantes municipais, informou de que o período de información pública permanecerá aberto ata o 28 de febreiro para todos aqueles que queiran trasladar achegas a este proxecto. 

As 37 actuacións para mellorar a accesibilidade e a conectividade das paradas de autobús desenvolveranse nos municipios de Sanxenxo (onde se actuará en 14 paradas); Meis (12); O Grove (4); Cambados (4); e Meaño (3). As actuacións teñen como obxectivo reforzar a seguridade e o uso do transporte público. 

As actuaccións para mellorar a accesibilidade e a conectividade desenvolveranse en Sanxenxo, Meis, O Grove, Cambados e Meaño

As paradas nas que se vai actuar están situadas: na PO-303 no lugar de Meaño; na PO-308, no cruce de Cotos en Dorrón, Nanín, a zona do depósito, o cruce de Aios, Mirasol e Nosa Señora da Lanzada; na PO-312, no cruce da Illa da Toxa; na PO-316, no entronque de San Vicente do Mar; e na PO-317, no sanatorio da Lanzada e San Vicente.

Xa noutra contorna da bisbarra, a mellora dos puntos de acceso ao transporte centraranse na estrada PO-531, no empalme de Mosteiro, o cruce de San Lourenzo de Nogueira, A Goulla e Vilanoviña; e tamén na PO-550, á altura de Ponte Castrelo, Castrelo, Dena, Vilalonga e A Revolta.

“Estamos ante un proxecto que pretende mellorar a mobilidade e garantir maior comodidade aos usuarios no tempo de agarda nas paradas de autobús do Salnés. Para iso, levaremos a cabo intervencións que incrementarán a confortabilidade e a seguridade e, sobre todo, coas que que pretendemos captar máis usuarios para o transporte público, favorecendo a conectividade de zonas rurais, especialmente das máis afastadas, e protexendo o noso medio ambiente coa redución do transporte privado e a conseguinte diminución das emisións”, explicou o delegado territorial. Avanzou, ademais, que outros municipios da bisbarra do Salnés e da ría de Pontevedra, con concellos como Vilagarcía, Vilanova ou Poio, verán melloradas as súas paradas con outra iniciativa que se atopa actualmente en fase de redacción.

Cando este proxecto supere o período de información pública, abrirase a tramitación administrativa para o proceso de contratación desta actuación, que beneficiará directamente aos 52.116 habitantes destes cinco municipios, e a súa posterior execución, estimada nun prazo duns catro meses.

As obras en cada unha destas 37 paradas de autobús consistirán na dotación dun equipamento de marquesiña coa tipoloxía oficial da Dirección Xeral de Mobilidade con postes, bancos e apoio isquiático; a mellora da accesibilidade con ramplas de acceso e información en braille; a instalación de sinaléctica; a mellora do acceso ás paradas; incremento da seguridade coa eliminación da vexetación, mellora da visibilidade e da iluminación; limitación de velocidade; a ampliación das zonas de apartadoiro; ou a disposición de cuñas de deceleración e o balizamento nos espazos de cebreado.

Ademais, os carrís dos apartadoiros configuraranse cunha anchura mínima de tres metros, sendo só inferior nos puntos nos que implique unha importante afección de parcelas ou edificacións. Os bordos dos itinerarios peonís, que terán unha anchura mínima de 1,8 metros, retranquearanse alomenos 35 centímetros respecto ás marcas viarias e, no caso de catro paradas, executaranse os muros de contención necesarios, de altura variable, entre 50 centímetros e 2 metros.

Estas actuacións serán financiadas con fondos MRR do programa Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e, previsiblemente, tamén con  fondos FEDER 21/27.