A Deputación avanza no PERTE para a dixitalización do ciclo da auga en A Illa e Meis

As actuacións para o control e a correcta xestión no uso da auga beneficiarán aos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes e desenvolveranse en catro etapas: diagnose, estudo topográfico, instalación de sensores e creación dunha plataforma dixital
Una fuente de agua. DS
photo_camera Una fuente de agua. DS

A Deputación de Pontevedra avanza no proxecto de Dixitalización e mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga, en todos os municipios de menos de 5.000 habitantes da provincia de Pontevedra, que presentou este 2023 ao PERTE de dixitalización do ciclo de auga na convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico financiada con fondos europeos do Plan de Recuperación. O proxecto provincial ten un orzamento global de 10,91 millóns de euros, dos que a Deputación espera acadar unha axuda do 90%, 9,8 millóns de euros, o máximo permitido. Porén, serán 23 os municipios que se verán beneficiados dos cales dous (A Illa de Arousa e Meis), pertencen ao Salnés. Trátase de concellos eminentemente rurais e coa poboación dispersa, polo que contan con redes de abastecementos e saneamento xeralmente extensas, cunha cantidade elevada de sistemas de captación, regulación, potabilización e depuración.

De maneira que se poida realizar unha xestión eficiente e sostible da auga, o proxecto xorde ante a necesidade de contar con información sobre o emprego real da auga, así como da calidade e estado dos recursos hídricos dispoñibles, dos parámetros de vertido nos procesos de depuración, das posibles perdas ou fugas que se poidan producir no sistema, etc.. Porén, os traballos dividiranse en catro etapas: diagnose das instalacións, estudo topográfico da rede existente en cada concello, instalación de sensores e posta en marcha dunha plataforma dixital nas que se recompilarán, tratarán e analizarán os datos proporcionados polos diferentes sensores, que deberán estar finalizados antes do 30 de setembro de 2025, mentres que a Administración provincial ofrecerá aos concellos mantemento ata setembro de 2030. 

O orzamento é de 222.822 euros para A Illa de Arousa e de 385.833 euros no caso de Meis.

O proxecto presentado pola Deputación de Pontevedra ao PERTE do ciclo da auga pretende así facilitar a xestión a todas as persoas que interveñen en dito ciclo nestes concellos e aportar luz sobre a situación actual, non só no relativo ao estado e o número de instalacións, senón a como melloralas, evitar situacións non desexadas e anticiparse a problemas futuros, derivados tanto das características das propias instalacións como polo efecto do cambio climático.