Cambados e Vilanova deberán xestionar ante Costas a autorización do colector

Onte levouse a cabo unha reunión entre Augas de Galicia e ambos Concellos para abordar este e outros temas
Visita as instalacións da depuradora de Tragove esta mañá. DS
photo_camera Unha visita as instalacións da depuradora de Tragove por parte do alcalde de Vilanova. DS

No día de onte tivo lugar unha reunión da comisión de seguimento do convenio que asinaron en novembro do pasado ano Augas de Galicia e os Concellos de Vilanova de Arousa e Cambados para a mellora do saneamento destes dous municipios, cun investimento da Xunta de 6,25 millóns de euros.

Un dos asuntos abordados na xuntanza de onte entre Augas de Galicia e os Concellos foi o proxecto de mellora do colector que vai de Vilanova a Cambados, actualmente en mal estado e que provoca vertidos. Como é sabido, a Xunta non pode executar esas obras porque non contan coa autorización preceptiva da Dirección Xeral da Costa e o Mar. A pesar de Augas de Galicia está comprometida coa execución desa obra, a autorización tramítaa o Concello de Vilanova, como administración competente no saneamento do municipio.

A este respecto, o Concello de Cambados na reunión manifestou a súa postura a favor de recorrer por vía contencioso-administrativa a decisión de non autorización da Dirección Xeral da Costa do Mar, que lle corresponde liderar ao Concello de Vilanova de Arousa, como promotor ante Costas da dita solicitude de autorización.

Ademais, tamén se abordou a proposta realizada polo Concello de Cambados, de impulsar actuacións parciais, se ben Augas de Galicia o considerou inviable porque, ademais de requirir a realización de novos proxectos -sería preciso calcular de novo hidraulicamente a capacidade desas instalacións-, non servirían para resolver os problemas de vertidos actuais. Executar un tanque de tormentas, como propón Cambados, que non teña a capacidade suficiente para desaugar podería incrementar as afeccións ao medio no lugar onde se sitúe.

Ante o bloqueo por parte da Dirección Xeral da Costa e do Mar das obras do colector, Augas de Galicia optou por excluír a actuación do convenio asinado no seu día, dado que non se vai poder executar nos prazos establecidos para os fondos Feder en vigor, se ben non renuncia a poder realizar a obra no marco do vindeiro programa operativo.

Para iso, os Concellos de Cambados e de Vilanova de Arousa, como responsables dos sistemas de saneamento municipais, deben xestionar ante Costas a correspondente autorización.

Polo tanto, de maneira inmediata, Augas de Galicia centrará os seus esforzos nas actuacións de mellora do sistema de saneamento do concello de Cambados, que evitará, entre outras cousas, os vertidos no Facho, cuxas obras foron licitadas por 1,75 millóns de euros. O que non significa que renuncie a executar, cando dispoña da autorización de Costas, as obras do colector que vai de Vilanova a Cambados, no marco dos fondos europeos do vindeiro período operativo.

Ademais, no sistema de saneamento de Vilanova e Cambados seguirase traballando na propia depuradora de Tragove, coas obras previstas de mellora das instalacións, que permitirán case duplicar o caudal de tratamento das augas residuais de Cambados e de Vilanova de Arousa, obras que foron licitadas por 5,3 millóns de euros e que se iniciarán a principios do próximo ano.