A Área Sanitaria recibe a vindeira semana 5 médicos de familia fixos

En concreto, ofrécense dúas prazas fixas en quenda de tarde no centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, e outras tres de quenda de mañá nos centros de Catoira, Forcarei e O Grove, respectivamente
Centro de salud Ambulatorio de San Roque en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA 
photo_camera Centro de saúde de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición deste venres, publica a relación de 72 persoas aspirantes definitivamente seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de facultativo especialista de Atención Primaria. Ademais, publícanse as súas puntuacións para proceder á elección de prazas de difícil cobertura desde o vindeiro luns 18 de decembro.

Deste xeito, nas próximas semanas incorporaranse 72 profesionais de medicina familiar e comunitaria, dos cales oito non traballaban previamente no Servizo Galego de Saúde. A oferta de postos de difícil cobertura distribúese en 5 na área de Pontevedra e O Salnés.

En concreto, ofrécense dúas prazas fixas en quenda de tarde no centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, con gardas no Punto de Atención Continuada (PAC) de referencia da propia Vilagarcía e no de Caldas de Reis. As outras 3 prazas ofertadas son en quenda de mañá nos centros de Catoira, co PAC de referencia en Vilagarcía; no de Forcarei, con gardas nos PAC de referencia de Cerdedo e A Parda (concello de Pontevedra); e no de O Grove, que ten como PAC de referencia o do propio Grove e o de Baltar, no concello de Sanxenxo.

Co fin de axilizar a adxudicación de prazas, todos os aspirantes -incluídos os que non teñen a condición de seleccionados- poderán elixir as prazas da súa preferencia nun acto de elección telemático para que, no suposto de quedar prazas sen adxudicar entre as médicas e médicos seleccionados, se poida realizar a selección dun novo aspirante pola orde de prelación que resulte da lista definitiva entre aqueles/as aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.