A hostalería da Illa de Arousa, comprometida co medio ambiente

Seis establecementos resultan distinguidos co ‘Selo Revitaliza' da Deputación por "compostar de maneira responsable os seus biorresiduos"
Entrega do selo Revitaliza aos responsables de seis establecementos hostaleiros da Illa. DP
photo_camera Entrega do selo Revitaliza aos responsables de seis establecementos hostaleiros da Illa. DP

A hostalería da Illa de Arousa amósase cada vez máis comprometida coa natureza. O Concello da Illa de Arousa vén de distinguir co selo Revitaliza a seis establecementos de  por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico. Trátase de catro chiringuitos de praia: Carpe Diem Camaxe, O Xurel, Patapalo, Areoso Beach Club; e de dous restaurantes: Churrasco Con do Sol e Restaurante Cámping Salinas. Todos eles dispoñen de composteiros individuais e as súas candidaturas cumpriron todos os requirimentos de calidade e boas prácticas esixidos polo departamento provincial.

Tal e como informan fontes do Concello da Illa, con este selo "preténdese dar os parabéns aos beneficiarios dos recoñecementos por cumprir os parámetros establecidos polo persoal do Plan Revitaliza".
 
No marco das actividades realizadas polo Revitaliza e coa finalidade de recoñecer a participación dos establecementos na xestión propia dos seus biorresiduos, concedeuse este selo de calidade acreditativo coa finalidade de reforzar este proceso e informar á cidadanía do seu esforzo e implicación.

Os galardóns  foron entregados este martes da man do alcalde da A Illa de Arousa e responsable da área de Medioambiente, Luis Arosa García, e da Concelleira de Turismo Rosi Viana e a mestra composteira Nerea.

A intención é "que se vexa como a economía circular da fracción orgánica a nivel local xera beneficios para a contorna local xa que a utilización do compost aumenta a biodiversidade, a fertilidade dos solos e a capacidade de reter auga, e globalmente contribúe na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro mediante a retención do carbono", subliñan desde o organismo local arousano.