A Xunta remata os traballos de desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas

As actuacións céntranse actualmente no inicio das cimentacións das pilas, uns traballos que se prolongarán durante as vindeiras semanas
Inicio da cimentación na ponte de Ponte Arnelas en Vilanova. DS
photo_camera Inicio da cimentación na ponte de Ponte Arnelas en Vilanova. DS

A Xunta vén de rematar os traballos de desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas. Unha vez finalizada a desmontaxe, as actuacións están a centrarse actualmente no inicio das cimentacións das pilas, uns traballos que se prolongarán durante as vindeiras semanas. De xeito paralelo, está avanzando a fabricación en taller da nova estrutura metálica da nova ponte, que será colocada posteriormente.

Esta intervención, no seu conxunto, foi avanzando a bo ritmo desde o principio, acadando o apuntalamento da ponte, o arriostramento transversal e a desmontaxe dos pretís de formigón, así como a colocación de tubaxes provisionais de abastecemento. En canto á desmontaxe do taboleiro, foron necesarios cortes perpendiculares para proceder á retirada por pezas.

Todas estas tarefas enmárcanse na solución definitiva para a reconstrución da ponte, xa trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e de Ribadumia, que suporá un investimento autonómico de máis de 5,3 millóns de euros.

Cómpre lembrar que, tras detectarse en abril danos en varias péndoas que provocaron que a calzada cedese parcialmente, a Xunta comezou a traballar para acometer esta intervención sobre o treito do río, que suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero gañará notablemente en estética e integración.