A Xunta autoriza o investimento de 5,3 millóns da reconstrución da ponte de Ponte Arnelas

O Consello da Xunta tramitou de emerxencia as obras da ponte tras o seu peche o pasado 18 de abril, e reafirmou a previsión de telas rematadas este ano
Día do peche da ponte en abril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Día do peche da ponte en abril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Consello da Xunta deu conta este xoves da tramitación de emerxencia das obras de reconstrución da ponte de Ponte Arnelas, que comunica os municipios de Ribadumia e Vilanova de Arousa a través da estrada PO-300, uns traballos que suporán un investimento autonómico de máis de 5,3 millóns de euros.

As obras xa están en execución e a previsión da Xunta de Galicia é que serán rematadas este ano. O peche da ponte produciuse o 18 de abril, logo dos danos detectados en varias péndulas que provocaron que a calzada cedese parcialmente.

Logo das intervencións iniciais de sostemento para asegurar a ponte, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continuará traballando durante as vindeiras dúas semanas nas intervencións para preparar a retirada do taboleiro, co obxectivo de iniciar cara á segunda semana de agosto a súa demolición, que se desenvolverá durante dous meses.

As obras suporán unha actuación importante sobre o treito do río e suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero gañará en estética e integración ao proporcionar unha estrutura de dous niveis, reservando o superior para o tráfico rodado e o inferior para o paso de peóns.

Na disposición da nova ponte reforzase a cimentación e, a continuación, montarase a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas, que serán prefabricadas para axilizar os prazos. A partir de aí será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, impermeabilización, pavimentación ou pintado, entre outras tarefas.

O obxectivo da Xunta é poder tela rematada a finais deste ano ou, como moito, a principios do vindeiro, todo condicionado á subministración de materiais.