A Xunta estima rematar este ano a ponte de Ponte Arnelas

Francisco Méndez adianta que se instalará unha barreira antiturbidez no río e unha lona para evitar verteduras ao leito durante as intervencións
Francisco Méndez na Comisión. DS
photo_camera Francisco Méndez na Comisión. DS

A Xunta estima rematar a construción da ponte de Ponte Arnelas este ano. Así o corroborou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde precisou que se está a avanzar nos traballos previos para demoler o taboleiro da ponte de cara á segunda semana de agosto, coas tarefas necesarias para a súa retirada.

Para isto, estipulouse a necesidade dun arriostramento transversal atirantado da ponte con catro bases, dúas enterradas de formigón, outra feita in situ e que se trasladará ao punto de ancoraxe e unha cuarta que será directamente unha rocha natural. O director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou, ademais, que para evitar verteduras ao leito do río durante os traballos, instalarase unha barreira antiturbidez e unha lona. 

Segundo a planificación prevista, estas tarefas estarían preparadas na primeira semana de agosto para comezar a demolición do taboleiro na segunda semana e ao longo dun prazo de dous meses. Unha vez realizados estes traballos, comezarase a disposición da nova ponte, que en gran parte se fabricará en taller, ao ser unha estrutura metálica.

Francisco Menéndez lembrou que, en paralelo e tendo en conta a información sobre o estado da estrutura que proporcionaron as inspeccións realizadas, a Xunta traballou no deseño de diferentes alternativas para a reconstrución da ponte.  Puntualizou que, na solución que se vai executar, o novo vano central mudará a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o arco e os tirantes, pero gañará en estética e integración.  A este respecto referiuse á integración que proporcionará a propia estrutura de dous niveis, destinándose o superior para o tráfico rodado, e o inferior para o paso de peóns.  Ademais, incidiu en que se vai reforzar a cimentación da ponte para montar a nova estrutura metálica sobre a que, posteriormente, se colocarán as prelousas. A partir de aí, será necesaria unha fase de traballo sobre o terreo en ferrallado, impermeabilización, pavimentación, pintado ou instalación de peitorís.


O director quixo poñer en valor a resposta da Xunta, que "en canto se detectaron danos en varias péndoas, actuou de inmediato, cortando o tráfico nese punto e mantendo un contacto permanente cos concellos de Ribadumia e de Vilanova de Arousa". Así, apuntou que, "a diferenza do Goberno central no caso do colapso do viaduto da A-6, a Xunta tomou decisións de forma áxil". Nun primeiro momento, adoptáronse medidas para que non houbera circulación rodada nin peonil e estabilizouse a estrutura da ponte para evitar o seu colapso.

Sinalou que se inspeccionou en profundidade a estrutura, aclarando as causas e o alcance dos danos, que se concentran no vano central da ponte.  Coa información obtida, adoptouse unha decisión sobre o mellor procedemento para restituír a funcionalidade da ponte, procedeuse á desmontaxe do vano sobre o río e traballouse na programación dos traballos de reconstrución, lembrou.