Vilanova reduce as infraccións penais en máis dun 6% nos oito primeiros meses do ano

Na mañá deste xoves celebrouse a Xunta Local de Seguridade no Concello ▶ Durante o 2023 o municipio rexistrou menos dunha actividade delitiva ao día
Imaxe da Xunta Local de Seguridade celebrada en Vilanova. DS
photo_camera Imaxe da Xunta Local de Seguridade celebrada en Vilanova. DS

A subdelegada do Goberno en funcións de Pontevedra, María Isabel Alonso, presidiu na mañá desdte xoves a Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilanova de Arousa, xunto ao alcalde da localidade, Gonzalo Durán. Tamén asistiu o coronel xefe provincial da Garda Civil, Simón  Venzal, e outros  responsables da Policía Local e da seguridade municipal. 

Tras analizar os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na provincia, obsérvase que as infraccións penais no concello reducíronse nun 6,27 % con respecto ao ano 2022 durante os primeiros oito meses do ano. 

A maior caída prodúcese nos delitos contra a seguridade colectiva -como furtos ou roubos-, que descenderon nun 48 % con respecto ao ano anterior, e nas infraccións administrativas -pequenas sancións relacionadas con drogas, tenencia de armas, etc.-, que experimentan un descenso interanual do 35 %. Así mesmo, a taxa de esclarecemento dos delitos sitúase no 50 por cento. 

En canto aos delitos contra o patrimonio e contra as persoas, obsérvanse cifras similares ao 2022. En liñas xerais, todo indica que a actividade delitiva é escasa e Vilanova é unha localidade segura, xa que desde xaneiro a agosto de 2023 rexistrouse menos dunha infracción penal ao día no municipio.