Vilagarcía, presente na asamblea anual de AMUPARNA celebrada en La Palma

Os municipios integrados en territorios de Parques Nacionais abordaron temáticas como o turismo de estrelas
O concelleiro Lino Mouriño representó a Vilagarcía no evento celebrado en La Palma
photo_camera O concelleiro Lino Mouriño representó a Vilagarcía no evento celebrado en La Palma. DS

O Concello de Vilagarcía, como parte integrante do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas a través de Cortegada, volve a estar presente na asemblea anual que AMUPARNA celebró esta semana. A asociación que aglutina a todos os municipios de España con territorio declarado Parque Nacional reuniuse este ano na illa de La Palma, en Canarias, para coñecer o efecto causado pola erupción do volcán e para tratar de contribuír a recuperación do sector turístico na zona.

Co fondo do Parque Nacional de La Caldera de Taburiente e de Roque de Los Muchachos, AMUPARNA desenvolveu as súas xornadas técnicas nas que cada ano expertos de distintos sectores analizan e poñen en relevo aspectos que poden ser de interese para o desenvolvemento turístico sostible dos municipios con parques nacionais. Nesta ocasión un dos temas principais foi o denominado 'turismo de estrelas', unha actividade moi de alza nos últimos anos. Do mantemento dos ceos en escuridade como recurso científico, cultural, medioambiental e turístico tratou o relatorio no que participaron responsables do proxecto Starlight, do Instituto de Astrofísica de Canarias, da Oficina de Calidade do Ceo e do Observatorio do Teide. Outra das actividades técnicas versou sobre 'Turismo Activo e Territorio: sinerxias para unha xestión sostible dos espazos naturais'.

Vilagarcía asiste anualmente ás xornadas de AMUPARNA como medio de coñecer as experiencias doutros parques nacionais e, especialmente de municipios con territorios protexidos, a efectos de atopar ideas que poidan aplicarse ao municipio arousano e á contorna de Cortegada, para sacarlle o máximo rendemento sostible a un recurso natural de tanto valor e posibilidades.

As actividades das xornadas técnicas alternáronse con visitas a La Caldera de Taburiente e a Roque de los Muchachos e tamén ás localidades que se viron afectadas pola erupción do volcán, xa que, ademais de facilitar o intercambio de experiencias entre os municipios, ao elixir La Palma como escenario da reunión anual, AMUPARNA tamén perseguía seguir prestando apoio aos pobos afectados pola erupción e favorecer a súa recuperación atopando vías que sirvan para o seu desenvolvemento socio económico.