Vilagarcía investirá 95.000 euros na reforma integral do Camiño da Regueira, en Fontecarmoa

O proxecto permitirá seguir avanzando en dotar da rede de auga e saneamento a todos os lugares do municipio
 Alberto Varela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía segue avanzando no seu plan de levar as redes de auga e saneamento a todos os recunchos do municipio, mellorando ao tempo a amplísima rede de viais rurais. Nesta ocasión tócalle a quenda ao denominado Camiño da Regueira, que xunto coa rúa Lomba Alta comunica a rúa Fontecarmoa coa avenida de Agustín Romero. O presuposto é de 95.000 euros para un tramo de apenas 220 metros lineais, o que dá unha idea do esforzo de investimento que require actuar sobre os máis de 30 quilómetros cadrados que compoñen a superficie non urbana do concello.

Como vén sendo habitual neste tipo de investimentos, será tan importante ou máis o que non se vai ver que o que realmente se verá. Isto é así porque o groso da obra consistirá en dotar da rede de auga e saneamento onde non existe e de renovala onde xa se fixera. En concreto neste pequeno tramo hai varias casas que aínda non están conectadas. Unha vez levantado o actual pavimentado, xa moi deteriorado, será instalado de novo, cunha capa de rodadura de seis centímetros, o que permitirá tamén gañar algo de espazo para a circulación e polo tanto tamén seguridade.

Hai uns días, remataron unhas obras similares na rúa Quinteiro, en Trabanca Sardiñeira, e neste mesmo lugar se están investindo 160.000 na mellora dos accesos. Onte anunciouse un proxecto de 214.000 euros máis para a rúa Fernández Flórez, unha das entradas principais á urbanización do Piñeiriño, e está a punto de rematar a intervención na rúa Xiabre, en Guillán, valorada en outros 90.000 euros.