Vilagarcía destinou 42.000 euros á posta en marcha de novas iniciativas empresariais

▶ Os destinatarios foron un total de 18 negocios de diferentes sectores, dos cales 13 obtiveron a axuda máxima de 2.500 euros que contempla o plan
Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As axudas municipais á creación de empresas convocadas anualmente pola Concellería de Promoción Económica de Vilagarcía contribuíron este ano a poñer en marcha ata 18 novos negocios. A convocatoria, á que se destinaron 42.000 euros, facilitou a apertura de actividades en diferentes tipo e sectores, axudando deste xeito á enriquecer o tecido económico produtivo da cidade e a crear emprego. A maior parte das iniciativas subvencionadas (un total de 13) obtiveron a axuda máxima de 2.500 euros.

Entre as actividades subvencionadas atópase un taller de fabricación de mobles, unha empresa de construción e reparacións e unha carpintería de aluminio. No marco do sector comercial hai un establecemento de venta de aparellos eléctricos, un de prendas de vestir, outro de roupa de segunda man e unha ferretería e venta de artigos de enxoval. A lista complétase con bares, unha academia de ensino e outra musical, unha óptica-podoloxía, e unha clínica nutricionista.


A liña de axudas convocada polo departamento que dirixe Álvaro Carou ten como destinatarios ás micropemes e negocios de nova creación radicados en Vilagarcía, e a convocatoria deste ano incluía  empresarios e empresarias individuais ou pequenas empresas, que teñen a obriga de manter a actividade de alta como mínimo, durante un período de dous anos.

As axudas teñen como obxectivo impulsar aos emprendedores a cubrir aqueles custes iniciais que da posta en marcha dos negocios, relativos aos aos trámites de constitución da empresa, asesoría, obras de acondicionamento do local, aluguer, adquisición de existencias iniciais de mercadorías, así como gastos correntes.