Vilagarcía recolle en Madrid o premio da Rede Española de Cidades Saudables

A cidade foi galardoada polo seu proxecto dos camiños escolares seguros
Camiños Escolares Seguros Vaischool!. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Camiños Escolares Seguros Vaischool!. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O alcalde, Alberto Varela, desprázase a Madrid para recoller o premio outorgado pola Rede Española de Cidades Saudables a Vilagarcía polo proxecto dos camiños escolares seguros. O galardón concédese na categoría de Fomento dun desenvolvemento urbano saudable e sostible, para cidades de máis de 20.000 habitantes e no marco dos IV Premios de Calidade convocados pola Federación Española de Municipios e Provincias e o Ministerio de Sanidade. A entrega celebrarase no transcurso dun acto que se celebrará no Círculo de Bellas Artes.

Xunto con Vilagarcía, as outras entidades galardoadas nas diferentes categorías son Bilbao e Jerez de la Frontera, no apartado de cidades de máis de 20.000 habitantes, e Utebo (Zaragoza), Candeleda (Ávila) e Miajadas (Cáceres), no de poboación inferior.

Camiños escolares

A actuación pola que se premia é o primeiro dos camiños escolares seguros postos en marcha, o desenvolvido en torno ao complexo educativo da Lomba-Matosinhos, no que se emprazan catro centros escolares aos que acoden a diario preto de mil nenos e nenas.

A iniciativa consistiu na realización dunha obra que ademais de garantir a accesibilidade e mobilidade, dotou ás infraestruturas dos medios necesarios para que os peóns e as bicicletas poidan transitar de forma segura e se afiancen como medio alternativo aos vehículos a motor, especialmente aos particulares.