A Vía Verde e a Senda Mariñeira, distinguido coma sendeiro azul

O galardón recoñece a recuperación de rutas e itinerarios como recursos para a educación ambiental e o disfrute da natureza a través de actividades lúdicas, deportivas e turísticas sostibles
(_LO_4808.JPG)  Salnes Fachada Restaurante Loxe Mareiro Carril12993
photo_camera A Senda Mariñeira entre Vilaxoán e Carril foi unha das rutas galardoadas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Vía Verde e a Senda Mariñeira entre Vilaxoán e Carril veñen de ser recoñecidas pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) co distintivo de Sendeiros Azuis. O galardón, similar á Bandeira Azul das praias, destaca o compromiso dos municipios na recuperación e posta en valor de rutas e itinerarios a través dos que promover a educación ambiental e o disfrute sostible da nosa contorna. Aspectos como a accesibilidade, sinalética, estado de conservación e puntos de interese natural, paisaxístico, histórico ou etnográfico son algúns dos criterios avaliados pola asociación independente para a concesión do recoñecemento.

As bandeiras azuis ondearán tamén en 2024 na Vía Verde e na Senda Mariñeira de Vilaxoán a Carril, itinerarios que suman un total de 16 quilómetros e medio de sendeiros peonís e cicloturistas convenientemente acondicionados e sinalizados.

A Vía Verde do Salnés, a primeira integramente galega que existiu na comunidade autónoma, abriuse en 2020. Discorre polo tramo de 8,9 quilómetros do antigo trazado ferroviario existente entre o lugar de Abelle (Rubiáns) en Vilagarcía de Arousa e a vella estación de Portas, atravesando o río Umia en terras d e Caldas de Reis. Ao longo do seu percorrido por distintas parroquias do rural, destacan múltiples lugares e puntos de interese, como o pazo de Rubiáns, cos seus Xardíns de Excelencia, o antigo apeadoiro de Ande, a ponte metálica sobre o Umia ou a antiga azucreira de Portas. Ademais, serve de conexión co Camiño Portugués e o Camiño da Costa, xa que transcorre moi próxima a Santa María de Caldas, un paso obrigado para as peregrinas e peregrinos. Distínguese tamén por sen unha senda completamente accesible.

Pola súa banda, aSenda Mariñeira de Vilaxoán a Carril creouse en 2022 no marco das accións promovidas pola Concellería de Turismo que dirixe Álvaro Carou. Discorre polo litoral do municipio e deseñouse como un recurso turístico en torno á cultura, historia, patrimonio e aos sectores produtivos. Esténdese ao longo dos 7,6 quilómetros que distan entre o esteiro do Rial, en Vilaxoán, e o alto da Rosa, en Carril, pasando por Vilagarcía. Está sinalizada cunha serie de paneis informativos nos que se vai ofrecendo información variada sobre os lugares que atravesa, de xeito que os camiñantes poidan afondar en aspectos sobre a cultura, a tradición, a gastronomía ou os recursos produtivos do lugar. As antigas salinas, a industria conserveira, o marisqueo, a actividade portuaria, as bateas de mexillón, os portos comercial e deportivo, o paseo marítimo, as praias da Concha e da Compostela, os parques de cultivo da Ameixa de Carril ou a illa de Cortegada, do Parque Nacional das Illas Atlánticas, son tan só algúns dos puntos de interese deste Sendeiro Azul que, ademais, forma parte da tradición peregrina a través da Variante Espiritual.

Recoñecemento á calidade e á estratexia de turismo sostible

O goberno local congratulouse de ter acadado o distintivo dos Sendeiros Azuis, un galardón que, ao igual que fan as bandeiras das praias, recoñecen a calidade e contribúen a continuar escalando no posicionamento da marca Vilagarcía a nivel turístico. De igual xeito, o executivo que dirixe Alberto Varela sinala que estes premios tamén poñen en valor e demostran o acertado da creación destes roteiros como iniciativas turísticas sostibles, dinamizadoras e de promoción da cidade a través de recursos que teñen un gran potencial e que non se estaban aproveitando debidamente.

Vilagarcía concorreu por primeira vez este ano á convocatoria dos Sendeiros Azuis. Agora haberá que esperar ata primavera para coñecer o resultado da campaña das praias, tendo como referente as dúas bandeiras azuis que ondean nas últimas tempadas nos areais do Campanario-Bamio e da Compostela.