O Concello presenta a súa oferta turística ás principais axencias de Madrid

A acción, baixo o lema Vilagrcía, a 3 horas y un café, desenvolveuse no marco da campaña promocional que o Concello contratou con Viajes InterRías
 
Alberto Varela foi o encargado de explicar o proxecto. DS
photo_camera Alberto Varela foi o encargado de explicar o proxecto. DS

Sacar o maior rendemento turístico posible á conexión ferroviaria entre Vilagarcía e Madrid é o obxectivo da acción promocional que o Concello de Vilagarcía realizou este mércores para presentarse como destino ante as principais axencias minoristas e maioristas da capital do Estado e a súa contorna. Baixo o título de Vilagarcía, a 3 horas y un café presentouse o catálogo dixital cos diferentes paquetes turísticos e experiencias que se ofertan ao público potencial do centro da meseta para achegarse a coñecer a capital arousá en escapadas de un día, unha fin de semana ou incluso de semana completa. O acto celebrado en Alcorcón contou coa presenza do alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou.

A presentación enmárcase na campaña promocional que o Concello contratou coa empresa Viajes InterRías. A idea de centrar en Madrid e as provincias da súa contorna esta presentación foi proposta dende o goberno local para captar visitantes desta zona aproveitando as frecuencias directas en tren que unen Vilagarcía e a capital do Estado a diario. Trátase dun recurso moi importante que, debido a súa dispoñibilidade e escasa duración da viaxe, anima a visitar a cidade.

O alcalde, Alberto Varela, foi o encargado de explicar aos representantes das axencias esta avantaxa, así como de comentarlles algúns dos atractivos cos que conta Vilagarcía, a distinguen doutros destinos e que a fan idónea para ser visitada en calquera época do ano e por todo tipo de públicos. Patrimonio, cultura, gastronomía, rutas temáticas, mar, montaña, Ruta Xacobea, deportes náuticos, festivais musicais e de cine, festas, praias de bandeira azul, vilas mariñeiras, Parque Nacional, rutas de sendeirismo, miradoiros, Xardín de Excelencia, eventos deportivos, patrimonio artístico e arqueolóxico, Museo do Ferrocarril, turismo activo e natural son algúns dos aspectos destacados, xunto coa característica de ser unha cidade humanizada e dinámica que dispón de todos os servizos e un amplo tecido comercial do que poder gozar os doce meses do ano.

A continuación, o director comercial de Viajes InterRïas, Fabián Bouzas, pasou a detallar os distintos paquetes turísticos e experiencias que integran o catálogo dixital deseñado pola firma tras o traballo de campo realizado coas empresas de servizos turísticos, restauración e sectores produtivos da cidade. Propostas de todo tipo, para todo tipo de público e para todos os gustos, e deseñadas baixo o concepto de city breaks, escapadas de corta duración para coñecer cidades ou acudir a determinados eventos.

A presentación ilustrouse coa proxección do vídeo da marca Vilagarcía, Ciudad de Arousa y el editado por el Concello sobre a Festa da Auga.