O teatro afeccionado medra en Vilagarcía cun novo grupo e a estrea de 'Dantescos'

Abázcaro Teatro ponse de largo o sábado coa representación que terá lugar ás 20.00 horas no Salón García

Público nun acto no Salón García. RAFA FARIÑA/ARQUIVO
photo_camera Público nun acto no Salón García. RAFA FARIÑA/ARQUIVO

Vilagarcía vén de aboar a súa afección pola dramaturxia coa creación dun novo grupo: Abázcaro Teatro. A formación liderada polo vilagarcián Fernando F. García leva dende outubro traballando na montaxe de Dantescos, a obra coa que o grupo se presentará ao público o vindeiro sábado, 13 de xaneiro. A representación terá lugar no Salón García a partir das 20.00 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo.

O xerme de Abázcaro xurde do obradoiro de teatro A Liberación, que dende hai meses imparte o actor David Seijo en Vilagarcía e do que forma parte Fernando F. García. Deste foi a idea de escribir un guión sobre o traballo realizado no taller e crear un grupo para representalo tomando como integrantes a parte do alumnado de Seijo e a outros afeccionados ao teatro, tanto de Vilagarcía como de municipio veciños. Así nace Dantescos, unha obra composta por sete pezas individuais e de corte dramático que se encontran nun sketch final para pechar o círculo.

Fernando F. García, que dirixe e tamén intervén na función como actor, explica que Abázcaro nace con vocación de continuidade, "aínda que haberá que esperar a ver o resultado da estrea do sábado, na que boa parte dos actores subirán ao escenario por vez primeira, polo que están moi ilusionados e tamén nerviosos". Levan tres meses traballando nela e a idea é representala noutros lugares.

Ademais de David Seijo, que apadriña a iniciativa e que introducirá a función do Salón García, Abázcaro contou para a súa posta de largo coa colaboración doutros grupos de teatro afeccionado que xa contan con historia propia, como Clámide, O Noso Lar ou Tatana Teatro, e tamén coa da Concellería de Cultura de Vilagarcía, que pon a súa disposición as infraestruturas para os ensaios e a representación.