A senda peonil entre Bamio e Carril terá un investimento autonómico de case 330.000 euros

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, presentou esta actuación para a mellora da seguridade viaria na contorna das estradas autonómicas PO-548 e PO-192 ▶ Executarase un itinerario seguro de 400 metros de lonxitude
As autoridades visitaron esta mañá un dos lugares polos que transitará a nova senda. XUNTA
photo_camera As autoridades visitaron esta mañá un dos lugares polos que transitará a nova senda. XUNTA

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a impulsar a construción dunha senda peonil de 400 metros de lonxitude entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para a súa execución, que suporá un investimento autonómico de case 330.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou esta importante actuación nunha visita esta mañá na que estivo acompañado polos concelleiros Paola María, Lino Mouriño e Ana Granja. A obra mellorará a seguridade viaria e favorecerá os tránsitos peonís seguros entre estes dous lugares ao longo da contorna das estradas autonómicas PO-548 e PO-192 e outras que conflúen nesta zona.

“Trátase dunha obra moi necesaria nun lugar moi complexo para os peóns pola confluencia de estradas e polo elevado nivel de tráfico. Por iso requiriu dun traballo técnico de calado para buscar a solución máis axeitada, pero agora xa está encauzado para que sexa unha realidade”, sinalou o delegado da Xunta en Pontevedra. “Agardamos que, tras superar toda a parte burocrática, as obras poidan comezar o vindeiro ano”, incidiu, sinalando que o prazo de información pública para a consulta e achegas de suxestións por parte dos interesados estenderase durante trinta días hábiles.

Este proxecto, que apenas afecta a cinco parcelas de uso agrario con escasas dimensións que suman menos de 230 metros cadrados, pretende sortear o cruce do Salgueiral e crear un itinerario seguro, principalmente a través de espazo de dominio público de estradas, dando continuidade ás beirarrúas do Alto da Rosa e proseguindo pola pista principal e por un tramo da estrada vella.

Ademais, esta actuación, cuxo proxecto xa está redactado, prevé a creación dun acceso ao cemiterio a través dunha pasarela de baixada e a dotación dun paso de peóns regulado cun semáforo.