O Concello adxudica a iluminación de Nadal e de Santa Rita e San Roque por 95.000 euros

O contrato con Iluminaciones Santiaguesas incluirá tamén a xestión das conexións á rede eléctrica nos concertos e das atraccións ▶ O consumo reducirase un 35% diminuíndo o número de días e as horas de acendido
La casa consistorial de Vilagarcía con la iluminación navideña de anteriores años. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera La casa consistorial de Vilagarcía con la iluminación navideña de anteriores años. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Goberno local adxudicou recentemente a Iluminaciones Santiaguesas a iluminación de Nadal e das festas de Santa Rita e San Roque en 2023. O contrato conta cun orzamento de 95.000 euros, dos que 19.664 euros imputaranse ao presuposto actual e os restantes 75.336 ao do vindeiro ano. Ademais da montaxe e desmontaxe das luces e ornamentos, o adxudicatario terá que facerse tamén cargo das conexións eléctricas que precisen os concertos, as verbenas e as atraccións que cada ano se instalan na zona do Ramal.

No Nadal, a empresa deberá instalar ao menos 273 elementos, que contrastan cos 45 previstos para Santa Rita e os 49 de San Roque. No número de días tamén hai unha notable diferenza: dos 38 días das celebracións de decembro e xaneiro aos 4 para maio e os 10 para agosto. No caso do Nadal, aos elementos instalados pola empresa uniranse os que porá o concello polos seus propios medios, como xa vén sendo habitual nos últimos anos en prazas e rúas, combinando a iluminación con baterías solares coa xardinería.

Aínda que neste ano a iluminación de Nadal chegará a máis lugares e haberá máis luces, o gasto será, sen embargo, un 35% menos que no pasado ano. Isto será posible reducindo en catro días a duración de dita instalación, que comezará o 2 de decembro e rematará o 8 de xaneiro. Ademais, minimizarase o número de horas, de 7 da tarde ás 12 da noite.

Malia a crise enerxética actual, o Goberno local considera, como tamén defenden comerciantes e hostaleiros, que hai que combinar o aforro e a eficiencia enerxética coa promoción económica e, sen dúbida, a decoración de Nadal é un elemento dinamizador da cidade, non só para a veciñanza senón para todas as persoas que se desprazan a Vilagarcía precisamente polo ambiente que se crea, non só polas luces senón polo Mercado de Nadal e o Fexturrón.