Rebeca Stones, Juan Arcones e Andrea Maceiras impregnarán a Cidade de Libro de sensibilidade

A xornada do venres oriéntase á literatura xuvenil e aborda os temas do amor, as relacións sentimentais na mocidade e as LGTBQIA+
Actividade nos 'stands' das librarías no Vilagarcía, Cidade de Libro 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O 'Vilagarcía, Cidade de Libro' supera o seu ecuador. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A xornada do venres na Cidade de Libro porá os sentimentos a flor de pel a todos os que visiten a mostra. Co título de Sentido e Sensibilidade e especialmente orientada á literatura xuvenil, os actos do día abordarán as temáticas das relacións adolescentes, a forma de xestionar os sentimentos nesas idades e o amor de todo xénero e condición. Para falar de todo isto compartirán escenario nas Conversas ao Solpor os escritores Rebeca Stones, Juan Arcones e Andrea Maceiras. Un recital poético, O gran xogo das emocións e o espectáculo multidisciplinar Ópera Breaks completan a axenda do día.

O Literatour, o programa dedicado aos escolares dos colexios do municipio, despídese este venres do Vilagarcía, Cidade de Libro coas actividades matutinas no Parque Miguel Hernández.

O programa retomarase a partir das seis da tarde coa apertura das casetas de venta e exposición na Praza da II República e cos espectáculos que se desenvolverán no Miguel Hernández. Ás 18.00 horas, os monicrecres de Carmen Domech representarán Con sentido e sensibilidade; media hora despois terá lugar o recital poético, Poemas de amor: no recuncho escuro do xardín, e ás 19.00 horas comezará o divertido e interesante Emocionómetro, O gran xogo das emocións no que poderán participar nenos e adultos. A última actuación será ; a Ópera Breaks, un espectáculo multidisciplinar que rompe as barreiras entre o urbano e o clásico realizado polo colectivo Vella Escola.

Os autores invitados estarán nas casetas de firmas a partir 19.00 e ás 20.30 horas sentaranse a charlar coa xornalista Susana Pedreira no escenario principal no que se desenvolven as Conversas ao Solpor.

Rebeca Stones (Vigo, 2000)

A súa creatividade acompañouna dende o berce e as súas ansias constantes por crear empurrárona a encher centos de cadernos con historias incribles. Aos dez anos Rebeca abriu o seu propio canal de YouTube, que xa conta con más de 900.000 seguidores. Os seus tres últimos libros, Timantti, Ochoy Sinergia, están no top da lista de ventas de literatura xuvenil.

Juan Arcones Endériz (Madrid, 1986)

O xornalista español alcanzou a popularidade coa publicación da novela ilustrada Alguien para ti, unha historia de amor entre dous adolescentes homosexuais. O escritor comezou a popularizarse publicando narracións na plataforma Wattpad. Actualmente, é recoñecido polo seu rol como activista LGTBQIA+, temática que pon de manifesto nos seus escritos para dar conta da importancia de narrar tramas que representen e identifiquen á mocidade non heterosexual.

En 2014 publicou a súa primeira novela Dextrocardiaco, un libro de narrativa romántica erótica que tivo continuidade en 2019 con Basoréxico. Dese mesmo ano é Eterno amor adolescente, unha obra de temática contemporánea composta por historias curtas. Imborrable e Alguien para ti, publicada na plataforma Wattpad e como libro físico, son as súas últimas novelas románticas xuvenís.

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987)

Escritora de literatura infantil e xuvenil, ademais de doutora en Filoloxía Hispánica e licenciada en Filoloxía Galega, publicou a súa prim eira novela Proxecto Bolboreta no ano 2007. En 2009 gañou o premio Meiga Moira con Violeta tamurana e en 2012 publica O segredo do lagarto arna. Nubes de evolución foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e nomeado mellor libro xuvenil nos Premios Fervenzas Literarias 2013. A lista de galardóns de Maceiras continúa con Miña querida Sherezade, obra gañadora do premio Meiga Moira 2014, ano no que tamén publica Volverás, golfiño, finalista do Premio Merlín. Ao ano seguinte gaña o Jules Verne con Europa express, obra traducida ao inglés e recoñecida como a mellor novela xuvenil nos Premios Fervenzas Literarias.

En 2018 obtén o Premio Lazarillo á creación literaria por Conta nove estrelas e queda finalista do Raíña Lupa con O que sei do silencio. En 2020 foi galardoada co Merlín de literatura infantil con A folla azul e un ano despois co XV Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña coa obra Que me pare o corazón se te esquezo. O seu impresionante currículo complétase co XIX Premio Anaya de Literatura Infantil y Juvenil obtido en 2022 con Alma de elefante.