O Cidade de Libro prepárase para recibir a Ian Gibson no ecuador da edición

O xornalista J.R. Alonso de la Torre conversará ao solpor co hispanista irlandés
4D34EBC0-5856-49D1-B279-559AEF0F15B6
photo_camera Una de las actividades durante la presente edición del Cidade de Libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Vilagarcía, Cidade de Libro atravesa este mércores o seu ecuador cunha xornada dedicada ás Historias Literarias. Por iso, o historiador e hispanista Ian Gibson encabeza un cartel no que comparte escena co xornalista José Ramón Alonso de la Torre, ámbolos dous protagonistas das Conversas ao Solpor que moderará o tamén xornalista Carlos Crespo. A axenda do día inclúe a presentación da obra de banda deseñada, O reiciño de Galiza, e tamén a do libro, Chévere, 35 anos de axitación cultural, que relata a historia da mítica compañía teatral galega.

Tras as actividades infantís do Literatour, que se desenvolverán durante toda a mañá no Parque Miguel Hernández, o Cidade do Libro volverá a florecer a partir das seis da tarde coa apertura das casetas de librarías e editoriais e co inicio das múltiples actividades que se repartirán entre os espazos da Praza da II República, o Auditorio e o parque.

Na sala de conferencias do Auditorio intervirán ás 18.30 Ignacio Villariño e Iván Suárez, responsables respectivamente dos textos e ilustracións da obra, O reiciño de Galiza. Eles serán os encargados de presentar esta adaptación do relato de Victor Hugo que trae aos nosos tempos un texto épico e poético recuperado no seu momento da tradición medieval e dos autores románticos. A presentación deste libro de banda deseñada de Demo Editorial inclúe a proxección do documental, García e Galiza. O fillo da traizón, dirixido por Manel Cráneo.

O escenario infantil do Miguel Hernández acollerá, A partir das 19.00 horas, un espectáculo baseado en contos de William Shakespeare que, xuntando comedia, teatro de obxectos e tradición oral, interpretará a compañía Pedras de Cartón para o público familiar.

Tamén no parque pero ás sete e media, os integrantes da compañía teatral de referencia en Galicia, a irreverente Chévere, presentarán o libro que, narrado en primeira persoa en un formato dialogado e profusamente ilustrado, relata o proceso de creación das súas producións más significativas. O acto está dirixido tanto á mocidade como a público adulto. A obra publicada por Kalaldraka obtivo o Premio Follas Novas do Libro Galego 29023 á mellor iniciativa bibliográfica.

A partir das 19.00 horas, Ian Gibson e Alonso de la Torre farán presenza na caseta de firmas para asinar obras aos seus lectores. Será ás oito e media cando ámbolos dous se senten xunto a Carlos Crespo no escenario principal da Cidade do Libro para conversar sobre Historias Literarias.

Ian Gibson

Ian Gibson (Dublín, 21 de abril de 1939) é un hispanista internacionalmente recoñecido e, dende 1984, cidadán español. Entre os seus libros máis destacados figuran Federico García Lorca, La vida desaforada de Salvador Dalí, Ligero de equipaje. La vida de Antonio Machado, Lorca y el mundo gay, Luis Buñuel. La forja de un cineasta universal, 1900-1938 , Los últimos caminos de Antonio Machado. De Collioure a Sevilla ou a novela La berlina de Prim.

José Ramón Alonso de la Torre

J.R. Alonso de la Torre (Cáceres, 1957) desenvolveu a súa vida como articulista, escritor e profesor entre Galicia e Estremadura. Ensinou Lingua e Literatura en institutos de Vilagarcía de Arousa e Arroyo de la Luz e dirixe a Escola Superior de Arte Dramático de Estremadura dende a súa creación en 2009.

Colabora en prensa escrita desde 1986 en diferentes periódicos estremeños e galegos. Actualmente escribe a contraportada do diario HOY, de luns a sábado, e a contraportada de edición de Arousa de La Voz de Galicia, os domingos. Foi presentador e colaborador en varios programas de televisión e publicou dous libros en lingua galega sobre xéneros xornalísticos, así como varias obras en castelán sobre a Raia e Estremadura.

En 2019, La Moderna publicou a súa primeira novela Expediente Ojos de Orgasmo, unha aproximación ao impacto do narco no mundo das mariscadoras da ría de Arousa, e en 2020 apareceu o primeiro volume da súa triloxía El peluquero de Franco, o seu proxecto narrativo máis ambicioso ata a data.