Ravella subvenciona a creación de 26 pequenos negocios cun investimento de 35.000 euros

As iniciativas subvencionadas van dende centros de estética, academia de baile, e transporte de mercancías, ata empresas de albanelería, comercio retallista, fotografía ou aluguer inmobiliario

O Concello de Vilagarcía deu luz verde á actuación este luns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada Concello Vilagarcia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía vén de resolver a convocatoria da última edición das Axudas Municipais á Creación de Empresas convocadas pola Concellería de Promoción Económica co obxectivo de incentivar a creación de emprego a través do emprendemento. Este ano foron 26 os pequenos negocios de nova creación que foron subvencionados polo Concello para financiar os gastos iniciais da posta en marcha das iniciativas que abarcan unha ampla gama de ramas do comercio e da prestación de servizos. A suma das axudas concedidas acadou os 34.719,13 euros.

O interese dos emprendedores por estas axudas municipais vai en aumento dende a súa creación. Este ano presentáronse 28 solicitudes das cales 2 foron denegadas por non cumprir os requisitos especificados na convocatoria. Malia isto, as subvencións solicitadas e concedidas foron superiores ás do ano pasado, cando se concederon 19 das 20 presentadas.

A temática dos novos negocios que se crean este ano con estas axudas municipais é moi variada, abarcando distintas ramas do sector comercial e de servizos. Hai tendas de roupa e calzado, panaderías e pastelerías, perfumería s e un comercio de venda de produtos naturais, así como unha academia de ensino, un centro de odontoloxía, centros de estética, lavandaría, dúas cafeterías e un centro odontolóxico. Tamén recibiron axuda municipal os proxectos para a apertura dunha academia de baile, un negocio de servizos fotográficos, un de aluguer de locais, outro de publicidade e márketing, así como unha pequena empresa de transportes de mercancías, outra dedicada a pequenos traballos de construción, unha de carpintería metálica, outra de albanelería e ata un negocio de intermediación comercial.

A contía máxima das subvencións que poden recibir os solicitantes é de 2.500 euros por negocio, suma que obtiveron 5 dos solicitantes. Outros 3 recibiron subvencións de máis de 2.000 euros e 7 superiores aos 1.000 euros. Os gastos subvencionables son os relativos aos trámites de constitución da empresa, asesoría, obras de acondicionamento do local, aluguer, adquisición de existencias iniciais de mercadorías, así como gastos correntes (auga, luz, teléfono…).

A concellería que dirixe Alba Briones destinou este ano a esta liña de axudas ao emprendemento unha partida de 42.000 euros.