A empresa Revcom executará as obras da Escola de Deportes Náuticos do Cavadelo

O Concello de Vilagarcía adxudica o contrato por importe de 69.093 euros, o que supón un aforro de 5.907 euros respecto ao prezo de licitación
Deportes náuticos en la ría. DS
photo_camera Deportes náuticos en la ría. DS

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía acordará na sesión deste luns adxudicar á empresa Revcom Energías Renovables o contrato para o acondicionamento da nave portuaria do Cavadelo para acoller a Escola Municipal de Deportes Náuticos. As obras adxudícanse por 69.093 euros, 5.900 euros por debaixo do prezo de licitación, e un prazo de execución de 5 meses. Con este investimento, o Concello de Vilagarcía incrementa os seus equipamentos deportivos e dá unha maior cobertura ás especialidades náuticas. Unha vez rematados os traballos, a Fundación Municipal de Deportes contará cunhas instalacións de 1.751 metros cadrados de superficie útil para destinar aos deportes náuticos.

Ao proceso de licitación concorreron dúas empresas, sendo a de Revcom a oferta que obtivo a mellor puntuación. Ademais da rebaixa económica, a firma oferta mellora no prazo de garantía da obra e tamén unha mellora nas luminarias que levarán as instalacións.

O Concello de Vilagarcía dispón da antiga nave de Alfogar, no Cavadelo, mediante o sistema de concesión administrativa aprobado coa Autoridade Portuaria, propietaria das instalacións e os terreos nos que se empraza. O convenio asinado entre as dúas administracións permite ao Concello facer uso da nave durante o prazo 10 anos para destinar a centro de ensino de deportes náuticos e a albergar a sede do Club Piragüismo Vilagarcía. A cambio desta cesión de uso da edificación, a administración local abonará ao Porto un canon anual de 1.700 euros, ao terse bonificado a taxa de ocupación un 50%.

A nave situada na zona portuaria do Cavadelo ten unhas dimensións de 76 metros de longo por 25 de ancho e unha superficie útil total de 1.751 metros cadrados distribuídos nunha zona de unha única altura e outra de dúas. Ademais do emprazamento á beira do mar, a construción conta coa avantaxa de dispor na súa fachada oeste dun acceso directo á rampla do Cavadelo, que permitirá botar ao mar e recoller de forma rápida e doada as embarcacións deportivas.

A superficie diáfana de algo máis de mil metros cadrados do interior da nave destinarase ao resgardo e coidado das embarcacións, xunto con outro espazo, duns 300 metros cadrados, nos que se habilitará a zona de ximnasio, vestiarios e aseos. Na planta superior, que conta con 300 metros cadrados dispoñibles, habilitaranse oito despachos e aseos.