Ravella licita por 66.789 euros a obra para rematar coas inundacións da rúa Campanario

A actuación finánciase cos remanentes de 2022 e resolverá o problema xerado coa construción dun peche que impedía aliviar naturalmente as augas cara un regato próximo 
Rúa Campanario en Bamio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rúa Campanario en Bamio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A plataforma pública de contratación anuncia dende este mércores a licitación da obra de Ampliación da rede de pluviais na rúa O Campanario, en Vilar-Bamio, un proxecto co que se pretende rematar coas inundacións que se rexistran actualmente nesta vía cando chove con intensidade e que incluso afectan ao interior dalgunha vivenda. A actuación, que ten un prazo de actuación de dous meses, licítase por 66.789 euros. O día 19 de decembro será a data límite para que as empresas interesadas presenten as súas propostas.

Con este proxecto, o goberno local atende unha petición dos veciños da zona, que demandaban unha solución á problemática xerada tras a construción do peche da finca pola que, ata entón, as augas escorrentaban de forma natural cara un regato. Ao levantarse o muro e non atopar saída, as augas acumulábanse sobre a calzada e anegaban propiedades próximas.

Para poder executar o proxecto que sae a licitación, o executivo local tivo que xestionar previamente o dereito de paso dunha tubaxe por unha finca particular, trámite que levou algún tempo. Co permiso xa concedido, os traballos xa poden realizarse e o problema quedará resolto en pouco tempo.

O proxecto de ampliación da rede de pluviais consiste na instalación na rúa Campanario dunha serie de sumidoiros para recoller convenientemente as augas, que se reconducirán cara a presa do rego que discorre pola parte máis baixa da propiedade para á que se obtivo o dereito de paso.

O executivo local pon en relevo "a necesidade de executar esta actuación para atender unha demanda veciñal e resolver problemas que afectan á veciñanza de distintos lugares de Vilagarcía", ao igual que as restantes obras que, como esta, se financian cos remanentes dos orzamentos de 2022 cuxo reparto, lamentan, "non contou co apio do grupo popular".